
O gaiteiro Carlos Núñez visitou o Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense para coñecer as coleccións deste espazo expositivo e as novidades do mesmo, da man do director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, Xosé Lois Foxo. Carlos Núñez interesouse polas novas pezas que ven de incorporar o museo á súa colección, entre as que figura o Chorus medieval así como a colección de Pliegos de cordel, recentemente incorporada ao museo. Asemade, o afamado gaiteiro donou ao arquivo da Escola Provincial de Gaitas unha importante colección de partituras recollidas nas súas xiras internacionais, establecéndose unha liña de colaboración no ámbito divulgativo entre o gaiteiro e a Escola Provincial de Gaitas.
O Museo Internacional de Cornamusas acolle unha das coleccións máis singulares do mundo no ámbito da gaita, e permite facer un percorrido deste instrumento dende a súa orixe e evolución ata á actualidade. O museo organiza ao longo do ano xornadas de portas abertas para centros de ensino, colectivos sociais e persoas interesadas polas gaitas do mundo. Nestas xornadas realízanse visitas guiadas para grupos así como mostras interpretativas. Actualmente o museo alberga 60 variantes das cornamusas de Europa, Asia e África, constituíndo unha das coleccións máis importantes do mundo no seu xénero. No museo tamén se pode contemplar unha importante mostra de plegos de cordel ou coplas de cego así como outros instrumentos asociados á música tradicional e iconografía.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.