O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, fai 20 anos. Foi creado co nome de Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro polo Decreto 25/1993 do 11 de febreiro coa finalidade de impulsar a investigación da lingua galega e completar, deste xeito, a que se viña facendo dende a Real Academia Galega e dende as tres universidades da nosa comunidade autónoma, nomeadamente a do Instituto da Lingua Galega. As súas áreas de pescuda fundacionais son lingua, literatura e antropoloxía, aínda que desenvolveu fundamentalmente as dúas primeiras.
Referente internacional en investigación
Nos seus 20 anos de andaina, o CRPIH deu a lume 211 produtos científicos: 9 recursos en liña de libre acceso, 96 libros e 106 publicacións que se poden consultar tanto en soporte papel coma na web.
Algúns dos seus proxectos convertérono nunha referencia internacional. Tal é o caso do Arquivo Galicia Medieval, con 5 bases de datos imprescindibles para quen queira achegarse ao estudo da nosa literatura antiga, ou o proxecto Literatura Infantil e Xuvenil, a partir do que naceu a Rede Ibérica de Literatura Infantil e Xuvenil.
Na área de lingua, O Piñeiro, como familiarmente se coñece este centro de investigación nos medios académicos, creou ferramentas orientadas cara ás novas tecnoloxías que a sociedade utiliza amplamente sen coñecer a súa orixe. Así sucede, por exemplo, co tradutor ES/GL, de uso estendido na Administración autonómica e tamén accesible para toda a cidadanía, ou co sintetizador de voz CoToVía, produto de uso público que, ademais dunha magnífica execución fonética, conseguiu tamén unha boa realización prosódica mercé a un equipo multidisciplinar integrado por enxeñeiros superiores de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e lingüistas da de Santiago.
Tamén no seo do CRPIH desenvolve o seu labor o Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL), un proxecto no que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega para garantir a actualización léxica do galego e asegurar a viabilidade do seu uso en todas as áreas da vida pública.
Actualmente, o Centro Ramón Piñeiro ten en marcha arredor dunha vintena de proxectos de investigación. Na área de lingua, avánzase no Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), no mencionado CoToVía, na Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) ou na liña de investigación de fraseoloxía galega.
Na área de literatura, hai proxectos orientados á literatura medieval, coma o xa sinalado Arquivo Galicia Medieval, e outros dirixidos ao estudo da literatura galega contemporánea, coma o de Bibliografía da literatura galega, o Dicionario xeral de termos literarios, os Informes de literatura, os proxectos de recuperación de narrativa, de poesía ou de revistas dos séculos XIX e XX ou os Cadernos Ramón Piñeiro. Ademais, prodúcense obras de filosofía, de socioloxía, de cine ou de ciencia política.
Formación de investigadores
Unha faceta fundamental do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é a súa contribución á formación de investigadores. Nestes 20 anos, pasaron polo CRPIH 427 investigadores diferentes: 290 bolseiros galegos que se formaron participando nos proxectos do Piñeiro e outros 137 bolseiros dos máis diversos países do mundo que estiveron un semestre desenvolvendo traballos de investigación propios asesorados polos directores de proxectos semellantes aos seus do centro de investigación que hoxe cumpre dúas décadas. Moitos destes bolseiros son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio e, dende os seus postos actuais, continúan a ofrecer importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.
Máis información sobre o CRPIH e os proxectos que se desenvolven nel no web http://www.cirp.es.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.