
Un total de 35 fotografías, delas máis dun terzo en caixas de luz e o resto enmarcadas e en bastidores, compoñen a exposición "AS ÁRBORES DO BO CAMIÑO" da lucense Luisa Rubines que acollerán as salas A e B da delegación da Xunta de Galicia en Madrid ata o día primeiro de marzo. As protagonistas das imaxes son as árbores da Ribeira Sacra do Miño, que permanecen mergulladas gran parte do tempo e só poden verse cando baixa a canle do río.
O acto de inauguración da mostra, ao que asistiron máis dun centenar de persoas, estivo presidido polo delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega e nel interviñeron tamén o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez e a propia autora, Luisa Rubines. "Luisa é unha artista capaz de ofrecernos esta marabillosa exposición na que atrapa unha epopea de paisaxes do poderoso Miño", dixo Ónega. "Luisa é unha muller de ríos, Támese, Ganxes, Miño", comentou citando a Xurxo Lobato, da Real Academia Galega de Belas Artes. Para Ónega, "Rubines capta a emoción da Ribeira Sacra, un traballo de luz, de sonos e fantasía unida coa bruma e a auga".
Jiménez comentou parte da traxectoria profesional da artista de Taboada, con exposicións en España, Alemaña e no Reino Unido. En Londres, formouse como fotógrafa. É Licenciada en Arte e Novas Tecnoloxías pola Universidade London College of Printing (1999) e Máster en Medios Audiovisuais pola Universidade de Westminster (2001). É admiradora do poeta visionario Willian Blake, e revélanos coa súa cámara as formas que a súa imaxinación descobre nas árbores mortas do encoro de Belesar, na Ribeira Sacra, que o baixo nivel da auga devolve á vista de todo o mundo. Así que o ollo de Luisa, fundido co obxectivo da súa cámara, é dobremente revelador". Tamén citou Jiménez a Marguerite Yourcenar cando dicía que o tempo era un grande escultor; "como pinta o tempo, un dos mellores aliados da Nai Natureza, os bosques con aneis brancos, aneis que se anoan no corpo de serpes petrificadas polo curso dos anos; como talla peixes e unicornios e todo tipo de figuras marabillosas para quen sabe ver. E engadiu que "moitas destas imaxes ofrecen en realidade un fantástico espectáculo de sombras chinesas para o que as madeiras tivesen pousado coas súas mans retorcidas ante a mirada atenta da nosa artista invitada. Sombras chinesas proxectadas sobre a auga e sobre o ceo cheas de beleza que botan a voar a nosa imaxinación por un universo de mundos imposibles".
Pola súa banda, Luisa, tras os sinceros agradecementos, expresou o seu desexo de que os asistentes gozasen, "polo menos unha pequena parte do que o fixen eu cando completamente soa, e cunha inmensa paz, puiden facer estas imaxes, que por outra parte son tal cual e non teñen ningún tipo de retoque. As cores son así, a luz é a que era e as pinturas das árbores as fixo a auga".
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.