A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación de Libreiros de Galicia están a traballar para renovar e potenciar as Feiras do Libro de Galicia en 2013. A consecución deste obxectivo centrou a reunión que mantiveron o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, coa directiva da entidade.
Nesta nova xuntanza, ambas as partes avanzaron na definición de novas propostas que favorezan a participación da cidadanía nestes puntos de encontro cultural e que potencien a promoción da lectura e da industria arredor do libro.
Os representantes da consellería e da federación concordaron na necesidade de introducir novos mecanismos que permitan potenciar as feiras dedicadas ao libro, que constitúen importantes vías de achegamento cultural aos galegos e un escaparate para dar a coñecer as novidades editoriais nos seus diferentes soportes.
Novo calendario
Ademais, a directiva da federación comunicou no encontro a relación de feiras do libro que se van levar a cabo en Galicia este ano e que comezarán o próximo mes de abril. A partir deste novo calendario de feiras, a Consellería de Cultura e Educación procederá a elaborar a correspondente orde para a súa autorización.
Xunto co conselleiro e o secretario xeral, participaron na reunión de traballo a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez; o vicepresidente, Antón Pedreira; a secretaria técnica, Mar Vázquez; e mais o coordinador da federación, Antonio Fernández Maira.
En 2012, as feiras do libro percorreron as catro provincias galegas entre os meses de abril e agosto, chegando aos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Vigo, Lugo, Ourense e Viveiro.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.