Notas de prensa

Inaugúrase unha exposición sobre Antonio Casares, considerada unha das figuras máis grandes do século XIX galego

Dita exposición estará aberta ao público, ata o 15 de marzo, na sala de exposicións do Pazo de San Marcos (Lugo), promovida pola Deputación Provincial.

A sala de exposicións do Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, acolle, ata o 15 de marzo, unha mostra dedicada á figura de ‘Antonio Casares, investigador e reitor da modernidade’, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Vicepresidencia do ente provincial, no marco do ciclo Ano Antonio Casares Rodríguez (1812-2012).

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, participou, xunto co actual reitor da USC, descendente do homenaxeado, Juan Casares Long, no acto inaugural desta exposición, deseñada por unha comisión de profesores da devandita Universidade co gallo da conmemoración do 200 aniversario do nacemento do químico monfortino.

Durante a súa intervención, Mario Outeiro cualificou a Antonio Casares como “unha das figuras claves do século XIX galego” e destacou o seu papel como “científico e investigador nos máis diversos campos, docente reputado, escritor e tradutor de libros científicos de grande importancia e repercusión, divulgador, decano, reitor, e cidadán comprometido coa súa terra”.

A mostra, que reflicte a figura de Antonio Casares como importante persoeiro na vida institucional da Universidade, complétase coa súa contribución científica, tanto no eido da química como de outros campos aos que prestou atención ao longo da súa vida, recollendo material relacionado co seu labor analítico en materias como a espectroscopía, a análise de augas e viños, os anestésicos, os ditames periciais, o descubrimento dos minerais Morenosita e Zaratita, a experiencia da luz eléctrica ou a estación metereolóxica.

Os diversos apartados da exposición confórmanse con material doado para a ocasión polos diversos centros da Universidade compostelá, así como por museos e organismos espallados por toda Galiza que dan conta da vida e obra dun científico comprometido coa sociedade da época na que vivía.
Neste senso, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación insistiu en que “grazas a estas aportacións, todas aquelas persoas que visiten esta exposición poderán descubrir unha personaxe da historia do noso País aínda non moi ben coñecida, tanto dende un punto de vista científico como persoal, como cidadán no contexto dunha Compostela e unha Universidade que el contribuíu activamente a modernizar”.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, 2013-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES