Notas de prensa

O artista lucense Lugilde expón na Casa de Galicia en Madrid

A mostra Configuracións kármicas lugildianas recolle unha selección de cadros e esculturas da última etapa do artista lucense José María Lugilde, caracterizada polo "Kousismo". Pódese ver ata o 1 de febreiro na Casa de Galicia en Madrid.

A Casa de Galicia, sede institucional da Xunta en Madrid acolleu a inauguración da mostra de pintura e escultura do artista lucense José María Lugilde, co enigmático título, "KONFIGURACIONES KÁRMICAS LUGILDIANAS". Lugilde ofrece unha selección da súa obra na que incorpora o "Kousismo".

A presentación do acto correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez Pérez e nela tamén o autor explicou algúns "konceptos" da súa obra.

Jiménez comentou que "José María Lugilde é lucense da colleita do 44, e no 68 emigrou a Brasil, onde continuou os estudos de debuxo e pintura que iniciara na Fundación Bolaño Rivadeneira de Lugo, ampliados aos de gravado, escultura e deseño industrial, e a mediados ou finais dos setenta retornou a Galicia, imaxinamos que moi enriquecido de coñecementos e experiencias". Xa en 2003 expuxo na Casa, unha mostra que titulou "VISIÓNSS", con dobre S porque a Lugilde "lle gusta xogar coas palabras tanto como cos materiais cos que realiza as súas obras", mantendo "a mesma liña surrealista".

Despois de dez anos, José María "segue sendo o mesmo iconoclasta de sempre, provocador, irónico, surrealista e xenial." Para Jiménez, "José María segue sendo un neno grande que non cella no seu empeño de querer cambiar o mundo mediante a práctica da filosofía do Kousismo, tamén con K, que basicamente consiste "na integración de cousas na obra, de tal maneira que non dane o motivo por saturación, senón que axude e complemente a mensaxe que pretende difundir e expresar", segundo palabras de Adolfo de Abel Villela no prólogo ao catálogo elaborado para a ocasión.

As obras de Lugilde teñen mensaxes coas que expresan unha crítica social para deixar patente a súa desconformidade con algúns aspectos do mundo actual como o maltrato que sofre a natureza e que el simboliza coa escultura de "O kabreo de Gaia" ou o afán de mandar en "A erótika do poder".

O artista, tras os agradecementos, explicou o persoal concepto de "Kousismo", unha variante plástica na que estuda detidamente cada pequena cousa que unirá á obra ata que forme parte dela. Ese obxecto nunca aparece coa súa forma orixinal xa que é transformado para axustalo ao lugar exacto "para o que foi cavilado". Unha vez aclarado este punto, tamén se referiu ao "intrínseco". “Doulle á miña obra o valor en toda o seu espiritual nudez e para iso baséome nun pensamento aberto, crítico e evolutivo quizais movido por inquietudes cheas de sensibilidades filosóficas sociais, con beliscos de ironía que me levan a cuestionar case todo," dixo.
A mostra de Lugilde, que poderá verse ata o primeiro de febreiro, compóñena un total de 22 obras. Delas, 18 son cadros, a maioría surrealistas, e catro esculturas. A cor, os estudados trazos e o "kousismo" son a nota en común, o seu selo propio e intrasferible.

Rosa Figueroa (Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia), 2013-01-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES