Notas de prensa

O Consorcio Audiovisual recolle o VI Premio Ciudad de San Sebastián Film Commission

O premio foi concedido ao filme galego Pradolongo, da productora Via Láctea Filmes, que foi proxectado na sección Made in Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, unha das mellores plataformas de promoción internacional para o audiovisual.

O director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela, en representación do presidente do organismo, Fernando Salgado, foi o encargado de recoller en San Sebastián o VI Premio Ciudad de San Sebastián Film Commission concedido ao filme galego Pradolongo. No acto, que se desenvolveu nos Cines Príncipe, estivo acompañado polo director do mesmo, Ignacio Vilar.

Fernando Salgado felicitou á produtora galega Via Láctea Filmes porque a súa película Pradolongo se alzase co Premio Ciudad de San Sebastián Film Comission, logo de que o Consorcio o propuxese para a elección, xunto con outros dous proxectos galegos. Ademais do premio en metálico, Pradolongo foi proxectado na sección Made in Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, unha das mellores plataformas de promoción internacional para o audiovisual galego.

O galardón outorgado á produtora galega vén a confirmar o traballo levado acabo polo Consorcio Audiovisual de Galicia a través da Galicia Film Comission co fin de dar a coñecer a comunidade como plató de cine.

A Galicia Film Commission é a oficina de promoción exterior integrada dentro do Consorcio Audiovisual de Galicia. Os seus obxectivos esenciais son dous: promocionar Galicia como espazo competitivo, idóneo para o desenvolvemento de proxectos empresariais no campo audiovisual e servir de imaxe institucional para as accións de promoción exterior do Consorcio. A Galicia Film Commission representa a Galicia nas principais feiras e misións comerciais internacionais do audiovisual, ao tempo que actúa como referencia na política informativa do audiovisual galego cara ao exterior. Así mesmo, traballa no impulso dunha liña informativa dirixida ao sector galego sobre aspectos relacionados coa comercialización internacional.

Seminario Modelos de organización y funcionamiento de los medios de comunicación públicos en la sociedad de la información

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, clausurou en Aciveiro o seminario Modelos de organización y funcionamiento de los medios de comunicación públicos en la sociedad de la información, dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López. Na súa intervención, salientou que os medios de comunicación “deben erixirse en dique contención da uniformidade cultural”. “A televisión pública debe ser o Asterix que resista ao imperio que homoxeneíza e empobrece culturalmente”, engadiu.

O curso, clausurado en Forcarei, celébrase no marco dos encontros organizados pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). No seu relatorio, o secretario xeral de Comunicación expuxo os retos aos que hai que dar resposta de cara a establecer un modelo de organización e funcionamento dos medios de comunicación públicos enfocado cara a sociedade de información. Así, explicou que “os medios públicos deben estar ao servizo da cidadanía e non do negocio”.

Entre os retos cos que se atopan os medios públicos, Fernando Salgado referiuse á integración e rendabilización das tecnoloxías da información, o mantemento e reforzo do papel de servizo á cidadanía, o firme compromiso co coñecemento e a sociedade da información, a responsabilidade informativa e a necesidade de profesionalidade dos comunicadores.

No seu relatorio, Fernando Salgado destacou que despois de preto de 25 anos de vida da televisión pública galega, o Executivo autonómico mantén o compromiso de colocar á TVG no século XXI. “A televisión pública galega está nun marco radicalmente distinto ao contexto no que naceu”, remarcou.

Neste sentido, recordou a recente creación por iniciativa da Secretaría Xeral de Comunicación do grupo de traballo que ten por obxectivo elaborar unha serie de propostas e recomendacións sobre o papel, a estrutura e o funcionamento dos medios públicos audiovisuais de Galicia. As achegas, explicou, servirán de base para a elaboración do anteproxecto de reforma da Lei de Creación da CRTVG, que o Goberno se comprometeu a presentar neste semestre.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2008-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) A primeira fase do piloto do proxecto Xenoma Galicia permitiu detectar, entre os máis de 1.000 participantes aos que se lle recolleu unha mostra de sangue, 14 novos casos de alto risco para as patoloxías investigadas de cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar. A Consellería de Sanidade presentou esta mañá ante o Consello da Xunta un informe de situación do piloto do proxecto Xenoma Galicia. Cun investimento de 20 millóns de euros, o Goberno galego márcase o obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 persoas. Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados, predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e evitalas grazas ao estudo do xenoma e da historia clínica.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) No marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta de Galicia vén de rebaixar a alerta por altas temperaturas aos niveis 1 e 2. Deste xeito, a vaga de calor iniciada pasado venres, que na xornada de onte acadou o nivel 3 de alerta en diversas áreas de Galicia, agora queda establecida nos dous primeiros niveis de alerta. En concreto, as zonas que ficarán no nivel 2 son o noroeste de Ourense, o interior de Pontevedra, así como o Centro e a Montaña da provincia de Lugo. Pola súa banda, defínese o nivel de alerta 1 por vaga e calor as zonas do interior de Coruña, o sur de Lugo, Miño de Ourense, montaña de Ourense, sur de Ourense, Valdeorras, litoral de Pontevedra e a zona Miño de Pontevedra.

Notas

A décimo terceira edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que participan case un cento de adolescentes de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de BAC e ciclos medios de FP, arrancou este luns e desenvolverase ata o sábado 5 en facultades, centros de investigación e laboratorios do Campus de Lugo da USC. Como en anos anteriores, o programa inclúe obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio.
Investigadores do grupo Encomat e do grupo e-Materiais da UVigo levan varios meses traballando de maneira conxunta para incrementar a vida útil de estruturas de formigón reforzadas con aceiros de memoria de forma. A súa proposta é a aplicación de películas intelixentes autorreparadoras ou smart coatings, cuxa viabilidade están a estudar no marco do proxecto SmartCoDur, seleccionado dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES