Notas de prensa

O Museo Provincial de Lugo acolle unha exposición de Baldomero Pestana

A mostra deste galego emigrado recolle unha colección de debuxos hiperrealistas que desbordan orde, perfección, xenerosidade e liberdade. Pódense ver ata o 2 de outubro.

Esta exposición permanece aberta, dende o 3 de setembro ao 2 de outubro no Museo de Lugo, e ocupará as salas 26 e 27. A mostra foi inaugurada polo asesor técnico da Ãrea de Cultura e Deporte da Deputación, Eduardo Fernández Abel, e contou coa intervención de Carmen Rico, que falou en nome do artista.

Baldomero Pestana, fillo e neto de galegos, naceu no lugar de Pozos, en Pena-Castroverde, de onde con só catro anos emigrou para Bos Aires coa súa familia. Dende ben cativo amosou interese pola literatura e polo debuxo, que co paso de tempo foise convertendo na súa paixón. Na Arxentina fraguáronse as súas inquedanzas artísticas. Desenvolveu, ao longo da súa vida, diferentes traballos, entre eles o de fotógrafo. Exerceu como fotografo comercial na Arxentina e logo fotógrafo artístico no Perú. Alí acadou a nacionalidade peruana, sen perder nunca a súa de orixe, e alí retratou a tremenda realidade do país, a xente do pobo, a natureza, tamén as grandes figuras da literatura e a pintura latinoamericana do momento: García Márquez, Vargas Llosa, Pablo Neruda... Nos anos sesenta fixo un periplo por España duns nove meses, contratado daquela polo Ministerio de Turismo, dende o cal se editaron varios carteis seus. Nesa ocasión voltou a Galiza, á súa aldea, que tanto fotografou. Logo deste periplo viaxou a París, e despois de fotografar tantísimos pintores, movéndose sempre nese ambiente e vendo o traballo dalgúns deles, animouse a mostrar os seus debuxos coincidindo co gusto dos hiperrealistas, o que se chamou despois fotorrealismo.

Os seus debuxos desbordan orde, perfección, xenerosidade e liberdade. Son verdadeiros documentos dunha sociedade, auténticas xoias do debuxo. Sempre traballa con documentos tomados por el e a súa técnica acomódase perfectamente á súa forma de ver fotograficamente os temas. Debuxa con lapis de grafito sobre papel “bristol”. Os temas que máis aborda son de París, persoas da rúa acompañadas de natureza morta.

Gabinete de Comunicación do Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, 2008-09-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) A primeira fase do piloto do proxecto Xenoma Galicia permitiu detectar, entre os máis de 1.000 participantes aos que se lle recolleu unha mostra de sangue, 14 novos casos de alto risco para as patoloxías investigadas de cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar. A Consellería de Sanidade presentou esta mañá ante o Consello da Xunta un informe de situación do piloto do proxecto Xenoma Galicia. Cun investimento de 20 millóns de euros, o Goberno galego márcase o obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 persoas. Pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados, predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e evitalas grazas ao estudo do xenoma e da historia clínica.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) No marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, a Xunta de Galicia vén de rebaixar a alerta por altas temperaturas aos niveis 1 e 2. Deste xeito, a vaga de calor iniciada pasado venres, que na xornada de onte acadou o nivel 3 de alerta en diversas áreas de Galicia, agora queda establecida nos dous primeiros niveis de alerta. En concreto, as zonas que ficarán no nivel 2 son o noroeste de Ourense, o interior de Pontevedra, así como o Centro e a Montaña da provincia de Lugo. Pola súa banda, defínese o nivel de alerta 1 por vaga e calor as zonas do interior de Coruña, o sur de Lugo, Miño de Ourense, montaña de Ourense, sur de Ourense, Valdeorras, litoral de Pontevedra e a zona Miño de Pontevedra.

Notas

A décimo terceira edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que participan case un cento de adolescentes de terceiro e cuarto da ESO, primeiro e segundo de BAC e ciclos medios de FP, arrancou este luns e desenvolverase ata o sábado 5 en facultades, centros de investigación e laboratorios do Campus de Lugo da USC. Como en anos anteriores, o programa inclúe obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio.
Investigadores do grupo Encomat e do grupo e-Materiais da UVigo levan varios meses traballando de maneira conxunta para incrementar a vida útil de estruturas de formigón reforzadas con aceiros de memoria de forma. A súa proposta é a aplicación de películas intelixentes autorreparadoras ou smart coatings, cuxa viabilidade están a estudar no marco do proxecto SmartCoDur, seleccionado dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES