
O Grupo de Investigacións Xeomorfolóxicas e Ambientais (GIXA) da USC é o único equipo galego presente nos proxectos españois do Ano Polar Internacional que impulsa o Ministerio de Educación e Ciencia. Das dezasete liñas de traballo concedidas, a da Universidade de Santiago é ademais a única que realiza as súas investigacións nunha zona sub-polar. O labor dos científicos galegos é a de estudar a resposta das dinámicas de conxelación e desconxelación dos solos ao cambio climático.
Baixo a denominación Cartografía, monitorización e seguimento térmico de formas crionivais na rexión subantártica: Andes Fueguinos e Illa dos Estados (Tierra del Fuego, Arxentina), os investigadores da USC traballarán no sector meridional de América do Sur, un dos máis sensibles ao cambio climático global, logo de constatar o retroceso acelerado dos complexos glaciares existentes. O catedrático de Xeografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, coordina o equipo que ten demostrado a existencia de permafrost -capa de xeo permanentemente conxelada nos niveis superficiais do solo- no pasado e na actualidade, o que converte ao sector no que traballamos nun lugar de enorme interese para comprobar o comportamento do solo mediante a monitorización.
Ano Polar Internacional
As rexións polares son parte integral do sistema terrestre cun papel fundamental nos cambios do nivel do mar, no cambio global, nos ciclos bioxeoquímicos, nos ecosistemas e nas actividades humanas. Nelas prodúcense transformacións significativas e singulares gardando un rexistro do comportamento pasado do sistema terrestre. Ata o momento, as difíciles condicións e a súa lonxanía non permitiron un desenvolvemento científico equiparable co producido nas latitudes medias e baixas. Deste xeito, estas zonas ofrecen unha vantaxe única para a observación dunha ampla variedade de fenómenos terrestres e cósmicos.
O Ano Polar Internacional, cuxas actividades para España se presentaron hoxe en Madrid coa asistencia da ministra de Educación e Ciencia, concíbese como un gran programa de investigación científica interdisciplinario a desenvolver entre os meses de marzo de 2007 e 2009 co fin de potenciar as observacións nas zonas polares do planeta (Antártida e Ártico). A iniciativa conmemora ademais o 50 aniversario do Ano Xeofísico Internacional que entre 1957 e 1958 representou o anterior Ano Polar Internacional.
O proxecto galego
Os investigadores da USC realizarán a cartografía a macroescala das diferentes crioformas existentes dende a costa ata as cotas de maior altitude tanto na Illa Grande de Tierra del Fuego como na Ila dos Estados. Tratarán de coñecer como as características texturais, composición mineralóxica e contido en materia orgánica inflúen na capacidade de retención de auga así como nos procesos de conxelación e crioturbación.
Para o desenvolvemento dos traballos, os científicos procederán á ampliación da rede de estacións de control das condicións ambientais e climáticas locais na Ila Grande de Tierra del Fuego, e á instalación das novas estacións de control na Ila dos Estados. Por outra banda, iniciarán o estudo da dinámica dos mantos nivais estacionais, nos que se ten detectado a presenza de deslizamentos repetidos da neve, o que orixina dinámicas xeomorfolóxicas moi activas, tanto actualmente como en épocas históricas, explica Pérez Alberti.
Ademais do catedrático de Xeografía Física da USC, son membros deste grupo os catedráticos de Edafoloxía Rosa Calvo e Felipe Macias, os profesores de Xeografía Física Ramón Blanco e Marcos Valcárcel, e os investigadores Francisco Castillo, Juan López Bedoya e Pedro Carrera Gómez.
O GIXA
O Grupo de Investigacións Xeomorfoloxícas e Ambientais (GIXA) da USC céntrase, dende a súa creación en 1993, en dous campos científicos interrelacionados entre si en moitas áreas xeográficas, da que é obxecto a investigación en Tierra del Fuego, como son o estudo da dinámica e evolución das formas costeiras e das dinámicas xeocriolóxicas nas áreas de montaña.
O traballo realizado ata o momento deu como froito a realización de catro teses doutorais, dúas centradas no estudo dos procesos glaciares e periglaciares das montañas nororientais e septentrionais de Galicia, outra na dinámica das costas rochosas do sudoeste galego e unha cuarta na análise sedimentaria de depósitos antigos da fachada atlántica.
Dende 2004 o grupo ten ampliado o seu ámbito de acción iniciando investigacións nas costas de Uruguai e nos Andes de Mendoza e Fueguinos, sendo neste último lugar onde se teñen centralizado a meirande parte dos esforzos de investigación.
Fotografía: www.usc.es
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.