
O pavillón municipal de Carral acolleu este domingo 23 de abril, unha nova edición da Exhibición Municipal de Patinaxe Artístico. Este acto, foi organizado polo concello de Carral coa colaboración do club de patinaxe Alquimia. Deu comezo ás 17.00 h para rematar ó redor das 19.00 h., momento no que tódolos participantes recibiron un agasallo conmemorativo.
Nesta xa clásica cita deportiva, puidemos contar coas escolas deportivas de Caión, A Laracha, Brexo Lema (Cambre) e Wenceslao Fernández Flórez (Cambre), dos clubs coruñeses de Liceo Patíns, Alquimia e Maxia, e por suposto, da escola deportiva municipal de Carral. Conseguiuse desta maneira reunir a unha gran mostra representativa do patinaxe da comarca coruñesa. Acudiron un total de 197 patinadoras/es de idades comprendidas entre os 4 e 17 anos, que nos amosaron as súas habilidades sobre as oito rodas o longo das 15 actuacións das que constou o certame. En primeiro lugar foron as máis pequenas as que nos amosaron o que aprenderon nestes meses de adestramento. Tomáronlles o relevo as patinadoras infantís para rematar finalmente, amosándonos as súas destrezas, as veteranas da especialidade.
Tamén cabe destacar a presenza nesta edición de patinadores como Enrique Pardo Aldao (Club Patinaxe Maxia), seis veces campión galego e bronce no campionato de España e na Copa de Italia, de Gema Pena (Liceo Patíns), 8 veces campiona provincial e 2 campiona galega e Alberto Artigas (Liceo Patíns), 5 veces campión provincial. Todos eles colaboraron de moi bo grado nesta exhibición coa fin de motivar e alentar a aquelas rapazas/es que aínda se están a iniciar nesta modalidade.

Esta actividade continúa co programa de promoción e fomento do deporte e a saúde que o Concello de Carral, mediante o seu departamento de deportes, está a desenvolver durante o 2006. Con dito programa, a entidade municipal quere prestar unha atención especial en potenciar esta modalidade deportiva, que tantos adictos está a gañar nos últimos anos na comunidade galega, entre a poboación infantil da localidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.