O Diario Oficial de Galiza (DOG) publica o 19 de abril unha Orde da Consellería de Innovación e Industria pola que se convocan subvencións para a mellora de establecementos de turismo rural. Poderán beneficiarse das mesmas os propietarios de inmobles de turismo rural que realicen intervencións para mellorar a calidade das súas instalacións. O crédito orzamentario destinado para este fin é de 200.000 , que se distribuirán a razón de 100.000 anuais entre 2006 e 2007.
Na exposición de motivos desta Orde valórase a posta en valor de vivendas no medio rural para dedicalos á actividade turística, realizada durante os últimos anos, pero advírtese que, xa conseguido un elevado número deste tipo de establecementos, faise necesario seguir a mellorar a oferta existente, incidindo fundamentalmente na calidade.
Con esta premisa, a Orde publicada hoxe establece os requisitos que teñen que cumplir os beneficiarios destas axudas, entre as que destaca o feito de que os proxectos presentados deben manter ou recuperar a memoria histórica do inmoble e o seu contorno, e as intervencións terán que respectar a estrutura da edificación, mantendo volumes e formas preexistentes e coidando especialmente elementos como a cuberta, lucernarios e fachadas.
Os solicitantes asumen tamén diferentes obrigas, entre elas a de mante-la súa actividade durante un período mínimo de 15 anos, ter o establecemento aberto e en funcionamento durante 8 meses ao ano e obrigatoriamente os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, así como adscribirse á Central de Reservas de Turgalicia e crear e manter durante alomenos 5 anos un número determinado de postos de traballo.
Os proxectos que se recollen nesta orde poderán acadar un máximo de axuda de ata o 20% do investimento total, e a porcentaxe da subvención concedida incrementarase en 5 puntos porcentuais se o proxecto leva consigo a creación de comedor para o establecemento.
As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que se especifica nesta Orde, presentaranse na delegación provincial correspondente da Consellería de Innovación e Industria, no prazo de 1 mes dende mañá xoves, día seguinte da publicación da norma no Diario Oficial de Galiza.
Infraestrutura hoteleira
O Diario Oficial de Galiza (DOG) publica tamén unha Orde da Consellería de Innovación e Industria pola que se convocan subvencións a empresas privadas para a creación de infraestrutura hoteleira. Para estas axudas destinaranse un total de 1.116.230 nos anos 2006, 2007 e 2008, que servirán para apoiar iniciativas dirixidas á creación, mediante nova construción ou rehabilitación, de hoteis que polas súas especiais características (medio ambientais, patrimoniais, históricas...) se poidan calificar como singulares, de xeito que a efectos da súa comercialización se consideren "hoteis con encanto".
Na exposición de motivos desta Orde lémbrase que no eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servizos turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa demandan os mercados. Neste contexto, apréciase que un factor determinante da calidade son as propias instalacións hoteleiras, advertíndose ademais unha crecente demanda de hoteis ubicados en zonas naturais ou urbanas que, coas súas especiais características, teñen unha condición de "singulares". Estes establecementos deben conxugar harmonicamente a calidade e a autenticidade, tanto dende os referidos parámetros de ubicación en lugares dun grande valor patrimonial, histórico ou medio ambiental como dende as características dos seus elementos construtivos.
Por outra banda, e posto que nos últimos anos concedéronse axudas que situaron a oferta balneoterápica en primeira liña turística de Galiza, non se considera a oportunidade de seguir a subvencionar este tipo de establecementos, agás os dedicados á talasoterapia (uso terapéutico e lúdico da auga do mar e do medio mariño), eido no que a demanda aínda non está totalmente cuberta.
Os proxectos de creación de hotel que se contemplan nesta Orde poderán acadar unha axuda económica de ata o 20% sobre o investimento total, que non poderá ser inferior a 200.000 . Os beneficiarios adquiren, entre outros, o compromiso de mante-la súa actividade durante un período mínimo de 15 anos, e a crear e manter durante 5 anos un número determinado de postos de traballo (segundo o proxecto en cuestión).
Para a valoración das solicitudes teranse en conta criterios como a localización do investimento (en espazos naturais ou áreas rurais con tendencia á despoboación, contornos de interese turístico do interior ou do litoral, zonas monumentais...); a análise do destino turístico en relación á calidade dos accesos, das infraestruturas básicas e a oferta de servizos de utilización turística; o estado e características da edificación; as características da rehabilitación, materiais empregados e deseño da construción; a oferta de servizos proxectada; a localización do investimento nun municipio incluído nalgún Plan de dinamización ou excelencia turística e o número de postos de traballo a crear, así como o grao de estabilidade dos mesmos.
As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que se especifica nesta Orde, presentaranse na delegación provincial correspondente da Consellería de Innovación e Industria, no prazo de 1 mes dende mañá xoves, día seguinte da publicación da norma no Diario Oficial de Galiza.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.