O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, solicitou unha nova entrevista coa Conselleira de Educación para abordar a aplicación no ensino non universitario do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un aspecto no cal xa se comprometera Laura Sánchez Piñón nunha anterior reunión con esta entidade o 10 de outubro de 2005. Carlos Callón observa con moita preocupación que en todos estes meses de curso escolar non se tomase ningunha medida seria para aplicar o Plan.
A Mesa lembra que o Acordo de Goberno asinado por PSOE e BNG sinala que a nova Xunta se compromete activamente coa efectiva e inmediata aplicación das medidas de galeguización do ensino recollidas no Plan de Normalización Lingüística aprobado unanimemente polo Parlamento galego en setembro de 2004. Segundo Callón, non houbo aplicación nin efectiva nin inmediata e, o que é peor, do comunicado de imprensa enviado onte pola Secretaría Xeral de Política Lingüística despréndese que non hai intención de aplicalo, senón de seguir coa insuficiente e desactualizada norma actual.
Cómpre recordar que para a aplicación do Plan Xeral é necesaria a aprobación dun novo Decreto de galeguización, que actualice o que está nestes momentos en vigor (247/95) e incremente os mínimos de docencia en galego no seguinte sentido:
- Estabelecer unha oferta en galego na educación infantil.
- O uso do galego en infantil non pode ser inferior ao 33% nos espazos en que a lingua predominante sexa o castelán.
- En primaria, ESO, bacharelatos e ciclos formativos, garantir que a docencia en galego nunca sexa inferior ao 50%.
A Mesa considera que para que este Decreto poida ser de aplicación no curso próximo é necesario que se dea a coñecer á comunidade educativa canto antes, para que todos os centros e departamentos afectados poidan tomar as medidas necesarias para garantir o seu cumprimento.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.