
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, pecharon o acordo para a supresión definitiva e universal das peaxes da Autoestrada do Atlántico que pesan sobre os treitos O Morrazo-Vigo e A Barcala-A Coruña en ambos os dous sentidos. Os dous mandatarios salientaron a transcendencia deste acordo ao cualificar este día de histórico para a comunidade autónoma, dado que deste xeito se cumpren as promesas realizadas polos Gobernos de Galicia e España de levantar este canon, que o anterior Goberno do Partido Popular ampliara ata o 2048.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras a reunión mantida no Pazo de Raxoi, o presidente da Xunta salientou que se trata dun acordo histórico pois aporta unha solución definitiva e universal para o levantamento da peaxe nos tramos do Morrazo-Vigo e A Barcala-A Coruña. Emilio Pérez Touriño quixo recoñecer o esforzo de cooperación leal realizado polo Goberno de España, e moi particularmente do Ministerio de Fomento, para dar luz a unha decisión practicamente sen precedentes en canto á súa fórmula e mecanismos de financiamento. O Goberno de España e o Goberno de Galicia cumpren co comprometido, salientou o presidente, quen agradeceu á empresa concesionaria da AP-9 a súa dispoñibilidade e colaboración para acadar o s mellores froitos que Galicia puido ter.
Solución a un problema complexo
Na súa intervención, a ministra de Fomento desgranou os termos do acordo acadado entre a administración autonómica, a central e a concesionaria da autoestrada, un acordo que serve para solucionar un problema complexo creado polo anterior Goberno. Así, recordou que a anterior administración popular prorrogou a peaxe o máximo permitido pola lei e privatizou a AP-9 xusto despois da catástrofe do Prestige, o que considerou unha mala resposta a unha situación difícil que atravesaba Galicia.
Segundo o acordo, unha vez que entre en vigor, o que se producirá segundo a ministra antes do verán, Audasa deixará de cobrar a peaxe aos usuarios dos tramos de Rande e A Barcala, cuxo custe sufragarán ao 50% os Gobernos de Galicia e España. Audasa retirará as cabinas de cobro e instalará un novo sistema de conteo que permitirá cuantificar o número de vehículos que empregan estes treitos, o que servirá de base para establecer a compensación económica que pagaran a Xunta e o Goberno central. Este sistema de cálculo será auditado por unha empresa externa, que certificará os datos para realizar, indicou Álvarez, un pago axeitado. O acordo acadado coa concesionaria permitirá obter, ademais, un 10% de desconto na compensación que as administracións deben pagar a Audasa.
Segundo os datos aportados pola titular de Fomento, o custe estimado para este ano é de 5.954.000 euros, que deberá ser sufragado a partes iguais polos dous Gobernos. Magdalena Álvarez tamén informou que se estima que o tránsito anual nestes dous treitos polo que haberá que pagar á concesionaria ata o ano 2048 é de 10 millóns de vehículos. Tamén indicou que o Ministerio encargado de sufragar a parte que lle corresponde á administración central será o de Economía e Facenda.
A ministra de Fomento salientou a complexidade que entrañou a redacción do acordo, dado que implica á empresa concesionaria, a Xunta de Galicia e os ministerios de Economía e Fomento e supón a necesidade de aprobar un real decreto que introduza modificacións na concesión.
Trámites
Segundo informou a ministra, neste momento xa está redactado o convenio entre as partes, que debe ser asinado, e tamén se encontra preparado por parte do Ministerio de Fomento o Real Decreto, así como a memoria técnica, e empezamos a súa tramitación. Para axilizar os prazos, os documentos hoxe pechados, xa foron enviados a Audasa e á Xunta o 28 de marzo. Agora falta o informe da Secretaría Xeneral Técnica do Ministerio de Fomento, -que non vai ter ningún problema, puntualizou a ministra-, que será remitido á Avogacía do Estado, será discutido e informado en Comisión Delegada, será informado polo Ministerio de Economía e, finalmente, o Consello de Ministros aprobará o Real Decreto.
Todos estes trámites van estar rematados e sen ningún problema, pódollo garantir, porque antes de estar co presidente eses papeis xa os movemos dentro do Goberno e non poden ter ningún problema. Á súa vez, estableceremos tanto a Xunta como nós as condicións de gasto, é dicir, preparamos o diñeiro para poder facer fronte, agora e no futuro, a estes pagos, que xa non os van facer os que transiten por estes traxectos, destacou a ministra.
Finalmente, o presidente do Goberno galego quixo remarcar a importancia do acordo logrado, ao sinalar que se trata dun momento relevante e importante para Galicia. Hoxe fixemos realidade que haxa unha ponte e unha autopista que una a área metropolitana máis importante que temos en Galicia e que esa ponte de verdade sexa un elemento de unión e non de separación a través da barreira da peaxe que hoxe con este acordo fomos quen de levantar, concluíu.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.