A nova política de vivenda impulsada polo Goberno galego ten o seu respaldo no ámbito da fiscalidade coa modificación das condicións de tributación das vivendas protexidas. Co obxectivo de estimular e apoiar a construción de vivendas protexidas, as promocións acollidas ao novo Plan de Vivenda 2005-2008, gozarán da exención á que se refire o artigo 45 do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados en todos os casos. O decreto 18/2006 de 26 de xaneiro publicado por parte da Xunta de Galicia establece que gozarán da exención aplicable as tres modalidades de vivenda de protección autonómica, é dicir, as vivendas protexidas de réxime especial, as de prezo xeral, e as de prezo concertado.
Ata o de agora, e segundo a normativa vixente aplicable as promocións incluidas no Plan 2002-2005, a situación fiscal das vivendas non permitía a exención en todos os casos. Así, trala publicación do decreto 1999/2002 polo que se aprobou o devandito Plan de Vivenda, as condicións para a exención só se daban nas vivendas que cumprían unha serie de parámetros: vivendas de protección oficial e vivendas de protección autonómica cuxo precio de venda por metro cadrado non fora superior a 1,25 veces o prezo básico nacional ou a 1,125 veces segundo a zona de situación. Aquelas que non cumprían estes requisitos pasaron a ter tributación efectiva.
A controversia xurdida desa situación derivou na presentación dalgúns recursos por parte de diversos promotores e construtores. Malia que tanto o Tribunal Económico e Administrativo Rexional (TEAR), como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) teñen resolto a favor da Administración galega na súa aplicación da normativa, a medida adoptada polo novo Goberno despexará definitivamente a controversia ao eliminar a tributación para todo tipo de vivendas protexidas. Pese a que os actos realizados ao amparo do actual decreto estarán exentos de tributación, os actos relacionados coas VPA realizadas ao amparo do Plan de Vivenda 2002-2005 do anterior Goberno terán que manter a tributación que corresponde coa normativa que lles é aplicable.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.