Notas de prensa

Seis meses despois de ser nomeada a Secretaria Xeral de Política Lingüística, A Mesa valora que desenvolve unha “política pusilánime” e que “debería reflexionar sobre a súa continuidade no cargo

Nunha entrevista no espazo “Bos días” da TVG, Carlos Callón defendeu tamén que “o Estatuto de autonomía contribúa a solucionar os problemas da lingua galega”.

O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, foi entrevistado polo xornalista Carlos Amado no programa “Bos días” da TVG. O representante da Mesa valorou que “o galego é a lingua do Estado que máis precisa das garantías dun novo Estatuto” e sinalou que esta entidade tentará “permeabilizar a todas as forzas políticas” para que a parte do Estatuto referida a lingua “sirva para solucionar os problemas de discriminación lingüística” e “sexa aprobada por unanimidade”. Nese sentido, Callón afirmou que “non debería ser unha utopía tal unanimidade, posto que xa existiu na aprobación da Lei de Normalización Lingüística en 1983” e “o galego ten que ser cousa de todas e todos”. “Se iso non fose así, as forzas políticas que non voten en favor deberán explicar por que non queren solucionar os problemas dos galegos e das galegas no referido á lingua”.

“O que desexamos é que o consenso que se produciu en 1983 coa Lei de Normalización Lingüística se reproduza agora no Estatuto de Autonomía; agora que non pode ser tumbado por ningún tribunal”. Esta declaración fai referencia a que o “deber” de coñecer o galego foi retirado polo Tribunal Constitucional en 1986, xa que non aparecía no Estatuto de Autonomía en vigor, que é o lugar onde, segundo a Constitución, debe figurar (artigo 3.2: “As demais linguas españolas tamén serán oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus Estatutos”).

O Presidente da Mesa tamén valorou a situación da Secretaría Xeral de Política Lingüística, seis meses despois de ser nomeada a súa titular. Segundo Callón, desde ese departamento da Xunta “estase a desenvolver unha política pusilánime, séguense sen atacar os problemas de base que ten o noso idioma e sen desenvolver de verdade o Plan Xeral de Normalización Lingüística”. Incidiu na idea de que “vemos atónitos como esta semana se cumpren os seis meses do nomeamento da Secretaria Xeral e continúan sen se solucionar os problemas de base da lingua, como o referido ao ensino”.

Tamén sinalou Callón que é un erro grave centrar o labor da Secretaría Xeral de Política Lingüística na promoción exterior: “Vemos moitas viaxes a Bruxelas, París, Bos Aires, Casablanca... mais os problemas da lingua galega están aquí. Que se ensine galego en Honolulú ou na Conchinchina non vai solucionar que aquí unha parella que queira casar en galego non poida, que uns pais que queiran escolarizar aos seus fillos en galego aínda non poidan, etc”. A Mesa desexa que esta política “cambie polo ben do país”.

“Se Marisol López, seis meses despois de ser nomeada, non se encontra con capacidade suficiente (mesmo capacidade política, pois vese que hai un sector duro do PSOE que lle impide facer calquera mínima acción en defensa do galego), aí debería reflexionar sobre cal debe ser o seu papel nos próximos meses, ou mesmo se debe continuar ou non”, concluíu o Presidente da Mesa.

A Mesa pola Normalización Lingüística, 2006-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES