Notas de prensa

Vigo reúne 400 especialistas para reforzar a alianza entre investigación, empresa, administración e sociedade a prol dunha acuicultura sostible

Vigo aclle a XX edición do Congreso Nacional de Acuicultura, unha cita que reúne a preto de 400 investigadores, representantes de empresas, administracións públicas e entidades vinculadas á acuicultura de todo o país. Baixo o lema Regreso a los orígenes, o encontro volve a Galicia para recoñecer o papel que a comunidade desempeñou no desenvolvemento científico, tecnolóxico e produtivo da acuicultura española.

O acto inaugural, celebrado nas últimas horas, contou coa participación do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas; da conselleira do Mar, Marta Villaverde; do alcalde de Vigo, Abel Caballero; da presidenta da Sociedade Española de Acuicultura (SEA), Cristina Tomás; e dos copresidentes do comité organizador, Carlos Pereira Dopazo, da Universidade de Santiago de Compostela, e José Luis Soengas, catedrático do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo. Soengas agradeceu na súa intervención o respaldo institucional recibido e puxo en valor “a relevancia dun encontro que sitúa a Galicia no centro do debate sobre o futuro da acuicultura”.

Investigación e innovación para afrontar os retos da acuicultura

As intervencións da xornada inaugural coincidiron en sinalar a investigación e a innovación como ferramentas fundamentais para garantir o futuro da acuicultura e responder aos retos ambientais, produtivos e sociais aos que se enfronta o sector. O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, defendeu que “a investigación e a innovación para unha acuicultura sostible son absolutamente fundamentais nun contexto marcado pola necesidade de garantir a seguridade alimentaria, adaptarse ao cambio climático e avanzar cara a modelos produtivos máis sostibles”. Planas puxo de manifesto que “España é o principal produtor de acuicultura da Unión Europea e un referente en calidade, diversidade e innovación”. “Un exemplo claro disto é Galicia”, engadiu.

Pola súa banda, a presidenta da Sociedade Española de Acuicultura (SEA), Cristina Tomás, afirmou que “España é un referente europeo en produción acuícola” e subliñou que “o coñecemento científico e a innovación son elementos determinantes para dar resposta aos desafíos actuais e avanzar cara a sistemas de produción máis eficientes e sostibles”. Mentres, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo o foco na necesidade de reforzar a colaboración entre o sector produtivo e a comunidade científica para asegurar o futuro da actividade. Villaverde insistiu ademais no peso da acuicultura en Galicia, con máis de 2.600 empresas, arredor de 5.600 empregos e unha facturación superior aos 247 millóns de euros. Así mesmo, destacou que preto do 94 % da produción española de acuicultura mariña corresponde ao mexillón galego, un dos principais referentes do sector a nivel nacional.

Carlos Pereira, copresidente do comité organizador, lembrou que este encontro naceu sobre tres piares fundamentais: investigación, empresa e administració e afirmou que, por primeira vez, se incorpora de forma explícita a participación da sociedade.

Presenza do CIM

O Congreso Nacional de Acuicultura reúne durante catro días especialistas de toda España para debater sobre nutrición, benestar animal, sanidade, sostibilidade, cambio climático, novas tecnoloxías e dixitalización aplicadas á produción acuícola. Persoal investigador do CIM presentará un total de dez comunicacións científicas centradas nalgúns dos principais desafíos da acuicultura actual. Entre elas figuran estudos sobre alimentación e nutrición de peixes, como a avaliación de dietas para analizar a inxesta en troita arco da vella ou a optimización de pensos baseados en ingredientes vexetais para mellorar a sustentabilidade dos cultivos.

Tamén se presentarán avances en xenética e mellora de moluscos, incluíndo a produción de liñas unisex de mexillón mediante selección asistida por marcadores moleculares e a súa validación en batea. As investigacións do CIM abordarán ademais cuestións relacionadas co benestar animal, así como iniciativas de divulgación e comunicación científica orientadas a mellorar a percepción social da acuicultura.

Manuel Barange recibe o primeiro Premio CNA

Un dos momentos máis destacados da xornada inaugural foi a entrega do primeiro Premio CNA a Manuel Barange, subdirector xeral e director da División de Pesca e Acuicultura da Organización da FAO. Con este recoñecemento, a organización quixo poñer en valor unha traxectoria profesional marcada pola promoción de políticas internacionais orientadas a garantir a sostibilidade dos océanos e a subministración futura de alimentos acuáticos.

Tras recibir o galardón, Barange pronunciou a conferencia inaugural do congreso, centrada nos desafíos globais aos que se enfronta a acuicultura nun contexto de crecemento da demanda alimentaria, cambio climático e transformación dos sistemas produtivos.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-06-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES