
A reunión do consorcio que se está celebrando no edificio Redeiras da UVigo ten lugar trala finalización do primeiro ciclo, serviu para avaliar os resultados acadados e planificar o avance da nova etapa. Entre os principais obxectivos destacan recapitular a experiencia gañada, fortalecer a colaboración entre socios e potenciar a integración de técnicas de intelixencia artificial e aprendizaxe máquina nos distintos desenvolvementos.
Durante as sesións, cada equipo presentou os progresos dos seus pilotos, que demostraron o potencial das tecnoloxías empregadas e sentaron as bases para seguir avanzando máis aló do estado da arte nesta segunda fase.
Vixilancia do estilo de vida e saúde cognitiva
A UVigo e o centro atlanTTic lideran o piloto P1-LL: Vixilancia do estilo de vida humano, centrado na monitorización da actividade diaria de persoas nas fases iniciais de deterioración cognitiva leve (MCI) e párkinson, así como de persoas maiores sen estas patoloxías. A recollida de datos realízase mediante unha combinación de sensores visuais, dispositivos wearables, radar e tecnoloxías de fala, co obxectivo de ofrecer ferramentas que asistan aos coidadores na detección e prevención de situacións de emerxencia, favorecendo un seguimento máis personalizado.
Segundo explica o equipo de atlanTTic, formado 14 investigadores e investigadoras dirixidos por Felipe Gil e Pablo Fondo, os resultados preliminares confirman o bo funcionamento dos modelos de análise da fala, adestrados con bases de datos previas. Na seguinte fase, o traballo centrarase en identificar as características máis relevantes para a detección temperá de cada condición.
Cara a unha intelixencia artificial ética e distribuída
A UVigo tamén destaca pola creación dunha plataforma de cómputo distribuído que facilitará o uso e integración das ferramentas do proxecto entre os distintos socios. Xunto coas innovacións tecnolóxicas, DistriMuSe pon especial énfase no uso responsable e ético da intelixencia artificial, garantindo que as decisións automatizadas sexan transparentes e baseadas en datos de calidade.
Nesta nova fase, o consorcio explorará o potencial dos Modelos de Linguaxe de Grande Escala (LLMs) e dos enfoques agentic, que permitirán aos sistemas comprender o contorno, tomar decisións e actuar de forma autónoma e intelixente.
Impacto científico, tecnolóxico e social
Os resultados de DistriMuSe teñen un alto potencial de transferencia ao mercado, xa que moitas das empresas participantes prevén integrar as tecnoloxías desenvolvidas nos seus produtos e servizos. O proxecto abrangue tres ámbitos principais: o seguimento continuo da saúde, a seguridade viaria e a interacción segura con robots industriais, combinando innovación tecnolóxica e impacto social.
O primeiro ciclo proporcionounos unha valiosa experiencia para afrontar esta nova etapa con máis coñecemento e mellores ferramentas, sinalan desde o equipo de atlanTTic. O noso obxectivo é maximizar o impacto do proxecto e contribuír ao avance do estado da arte en sensorización, cómputo distribuído e intelixencia artificial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.