Notas de prensa

O proxecto AI-Vidda presenta os seus primeiros avances para mellorar a calidade vida das persoas maiores

Esta mañá tivo lugar a presentación oficial de resultados do proxecto AI-Vidda, unha iniciativa colaborativa e multidisciplinar que busca incrementar os anos de vida saudable en persoas maiores a través da intelixencia artificial e a biotecnoloxía. O acto celebrouse no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e congregou a todos os socios do consorcio galego, no que o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, desenvolve un labor destacado no deseño e implementación de modelos avanzados de linguaxe natural.

O proxecto AI-Vidda está liderado por Geriarvi–DomusVi e conta coa colaboración de Balidea, ADOC, Big Formación, InnovaLabs e Hifas da Terra. Cada entidade achega a súa experiencia para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e científicas que dean resposta a retos como o deterioro cognitivo, a soidade non desexada ou a perda de autonomía no envellecemento.

Desde o centro atlanTTic da UVigo, en colaboración con Balidea, trabállase nunha liña de investigación centrada na integración de modelos avanzados de linguaxe en asistentes conversacionais intelixentes no ámbito sociosanitario. Estes asistentes terán capacidade de aprendizaxe e estarán deseñados para interactuar de xeito natural coa persoa usuaria. O obxectivo é garantir o seu correcto funcionamento, e a aceptación e utilidade real destas tecnoloxías por parte das persoas usuarias, contribuíndo así á mellora da calidade de vida das persoas maiores.

AI-Vidda estrutúrase sobre pilares como o uso de axentes de intelixencia artificial, modelos avanzados de linguaxe, hardware adaptado a persoas maiores, alimentos de uso médico e plataformas dixitais de promoción da autonomía persoal. O proxecto está financiado co apoio da Xunta de Galicia e Fondos Europeos, a través do Programa Operativo Feder Galicia 2021-2027.

Referentes en tecnoloxías da fala e IA

O centro atlanTTic da Universidade de Vigo é un referente na investigación en tecnoloxías intelixentes, en particular nas tecnoloxías da fala e da linguaxe natural. As investigadoras Laura Docío Fernández e Carmen García Mateo, do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic, participan nas tarefas de AI-Vidda vinculadas ao uso dos paradigmas avanzados da intelixencia artificial, como a análise de datos, as tecnoloxías lingüísticas multilingües ou a intelixencia artificial responsable, así como no desenvolvemento e execución dos traballos necesarios para acadar os obxectivos de investigación do proxecto.

En concreto, participan nos paquetes de traballo que abordan o deseño e integración de grandes modelos de linguaxe sostibles en asistentes conversacionais con capacidade de aprendizaxe e interacción natural. “Está previsto o desenvolvemento dun módulo de intelixencia artificial xerativa para a ‘transmisión’ de información de forma conversacional, é dicir, empregando un asistente conversacional multilingüe (galego e castelán) como ferramenta de comunicación”, explican as investigadoras de atlanTTic implicadas.

Este paquete de traballo céntrase en mellorar a eficacia e a sustentabilidade dos grandes modelos de linguaxe (LLMs) aplicados a un asistente conversacional no ámbito sociosanitario. As actividades inclúen o afinamento (fine-tuning) e a optimización dos LLMs, a investigación para a adaptación continua do modelo, o desenvolvemento dun prototipo funcional e a súa integración en contornas industriais. “Búscase garantir respostas precisas e relevantes, así como a eficiencia e a escalabilidade do asistente intelixente”, sinalan.

Validación tecnolóxica e impacto social

O proxecto AI-Vidda contempla ademais unha fase de probas e validación, na que tamén participa atlanTTic, que abrangue desde a avaliación da eficacia do asistente virtual ata a súa integración con dispositivos intelixentes e a validación dunha plataforma de contidos dixitais orientada ao benestar das persoas maiores. Durante esta etapa, levaranse a cabo os procedementos necesarios para asegurar que o prototipo do asistente virtual intelixente, con capacidade de aprendizaxe e integrado con modelos lingüísticos eficientes e multilingües, cumpra os requisitos técnicos, funcionais e sociais esperados.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES