
O evento reuniu a equipos de 16 comunidades autónomas, que lanzaron os seus satélites en foguetes a máis de 600 metros de altitude desde o Centro Integral de Loita contra o Lume de Ourense. Estes satélites, equipados con sensores de presión, temperatura e altitude, tamén levaron a cabo misións científicas secundarias ideadas polo propio estudantado, abordando cuestións de actualidade como a contaminación ambiental, a detección de incendios ou a análise do pole atmosférico.
En representación da Universidade da Coruña, Cristina Rodríguez López, do CITIC, investigadora do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) e membro do equipo da Unidade Asociada ao CSIC AIRExS, participou como membro do xurado avaliador, xunto a Gemma Rojo López, doutora en Enxeñaría Civil do CITEEC; Enrique Costa Montenegro, catedrático na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo; e Emma Janeiro Torres, profesora de ensino secundario no Instituto República Oriental do Uruguai de Vigo.
O xurado destacou a altísima calidade técnica, a creatividade e o compromiso demostrado polos equipos, subliñando a importancia de fomentar vocacións STEM desde idades temperás.
As misións científicas ideadas polos equipos abarcaban temas relacionados coa contaminación ambiental, a procura de novos antibióticos, a detección de incendios, a procura de persoas, a medición do campo magnético e radiación UV ou a determinación do risco de pragas con técnicas de IA.
A misión gañadora, presentada polo equipo ZephySat de Andalucía, céntrase na análise da estratificación de partículas de pole na baixa atmosfera que, posteriormente, son analizadas por unha aplicación de IA que desenvolveron. O equipo gañador viaxará en xuño ao Centro de Investigación en Tecnoloxía Espacial da ESA (ESTEC) en Noordwijk (Países Baixos) onde participarán no evento Enxeñeiro espacial por un día, experimentando o día a día dunha persoa enxeñeira que traballa na ESA e terán a oportunidade de presentar o seu traballo fronte a un panel de expertos.
Con iniciativas como o desafío CanSat, búscase espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade, promovendo a aprendizaxe activa, o traballo en equipo e o pensamento crítico a través dun proxecto cunha dimensión internacional e profesionalizante.
Sobre a unidade AIRExS
O gran reto tecnolóxico que supón o descubrimento de exoplanetas e o desenvolvemento de novos métodos para a súa detección e análise é unha das áreas fronteira na astrofísica actual. O CITIC da UDC e o CSIC a través do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) uníronse para impulsar a investigación e a innovación nesta área a través da unidade AIRExS: Artificial Intelligence for Research on Exoplanets and Stars da Universidade da Coruña, á que se acaba de conceder a condición de unidade asociada de I+D+i do CSIC por un período de tres anos. Trátase dunha colaboración estratéxica que reforza a capacidade investigadora da UDC ao integrarse coa rede de excelencia científica do CSIC.
Minia Manteiga lidera esta unidade, na que tamén participan outros investigadores do centro de Investigación TIC da UDC como José Carlos Dafonte, Manuel González Penedo e Eduardo Mosqueira, así como persoal de apoio investigador. Por parte do IAA-CSIC a responsable é a astrofísica de orixe galega Cristina Rodríguez López.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente (ED431G 2023/01).
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.