
Por cuarto ano consecutivo, esta cita converte á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo en punto de referencia das relacións entres xuristas españois, portugueses e brasileiros. Así se destacou na inauguración do encontro, no salón de actos do centro, onde coincidiron a secretaria xeral da Universidade de Vigo, a tamén xurista María José Bravo Bosch; o decano da facultade, Francisco José Torres; a reitora da Universidade do Estado de Bahia, Adriana Marmori, e os directores do foro: os docentes da Universidade de Vigo, Juan Antonio Hernández Corchete e María Hylma Alcaraz Salgado, e o profesor da Universidade de Bahia Clodoaldo Silva da Anunciação.
Que é posible, que é lexítimo, que está prohibido?
Tal e como explicaron os responsables do encontro, as tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial, o recoñecemento de emocións por parte de máquinas ou a automatización de decisións están a alterar a maneira na que as persoas interactúan entre si, traballan e se relacionan, e o Dereito non pode permanecer estático ante este novo escenario, moi polo contrario cumpre un rol central: dar forma, contido e límites ás novas situacións xurídicas que emerxen no espazo dixital.
Nesta liña defenderon que dicir que o Dereito conforma o espazo dixital implica entender que non só o regula, senón que contribúe activamente a definir que é posible, que é lexítimo e que está prohibido nesta nova contorna. Así como o mundo físico do Dereito estrutura as nosas relacións, a través de contratos, dereitos de propiedade, garantías constitucionais..., no mundo dixital tamén debe facelo, explica a docente María Hylma Alcaraz, insistindo na idea de que o Dereito non só debe adaptarse, senón tamén anticiparse.
Desde o punto de vista dos organizadores do encontro o Dereito debe brindar un marco normativo que permita que a innovación tecnolóxica conviva coa protección de Dereitos e principios fundamentais. Neste senso, o espazo dixital non é un territorio sen regras, senón un ámbito que require ser pensado e estruturado xuridicamente, para que a tecnoloxía se poña ao servizo das persoas e non ao revés, salienta Alcaraz.
40 relatorios divididos en 11 mesas de traballo
Nesta edición o foro acolle once mesas de traballo divididas en eixes temáticos -cuestións sociais, administración pública, corrupción, xénero, tributos...- . Serán en total 40 relatorios.
A sesión inaugural correu a cargo do catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, José Julio Fernández Rodríguez, delegado de protección de datos da USC e director do Centro de Estudos de Seguridade, que afondou nos desaxustes entre a normativa de protección de datos e a IA; e de Carlos Eduardo da Silva Camillo, maxistrado do Tribunal de Xustiza de Bahia, que se meteu de cheo nos desafíos que supón a IA para o Dereito Internacional e os dereitos humanos.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.