Notas de prensa

O proxecto SOSFood levará a Bruxelas o debate sobre a transformación do sistema alimentario

O 4 marzo conmemórase o Día Mundial da Obesidade e, coincidindo con esta efeméride, o proxecto SOSFood levará a Bruxelas o debate sobre a transformación do sistema alimentario. O catedrático Jesús Simal Gándara, membro do grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) será o encargado de impartir un relatorio organizado por EuroCoop, a Cooperativa Europea de Asociacións de Consumidores, que terá lugar no Comité Económico e Social Europeo.

O proxecto SOSFood está formado por un consorcio de 17 entidades de toda Europa lideradas pola UVigo que traballan no uso da intelixencia artificial para deseñar un sistema alimentario seguro en resposa á crise ambiental. O obxectivo dos socios é aproveitar a explotación de datos e as tecnoloxías de IA para permitir unha toma de decisións informada entre todas as partes interesadas no sistema alimentario europeo, coa vista posta en acadar unha maior produtividade, inclusión, sostibilidade e resiliencia.

Unha cita con axentes implicados na sustentabilidade alimentaria e na loita contra as enfermidades non transmisibles

O obxectivo deste evento na capital europea, explican dende o proxecto, é “explorar posíbeis accións para mellorar a sustentabilidade dos sistemas alimentarios co apoio da IA”. Destacan que “aínda que garantir a sustentabilidade ao longo da cadea alimentaria require accións estruturadas (lexislativas e non lexislativas), no xeral recoñécese que algunhas mudanzas nos hábitos de alimentación humana poderían axudar a reducir algunhas cargas”. Por exemplo, a redución da inxestión de carne, carne procesada e produtos lácteos, que “ten un efecto positivo sobre a saúde humana, con especial referencia ás enfermidades non transmisibles, como cancros ou diabetes. Na súa intervención, Simal centrarase en “como e ata que punto a promoción dunha dieta saudábel pode ofrecer unha solución para facer fronte á saúde humana e ambiental”.

Agárdase a asistencia a esta cita de asociacións e organizacións implicadas na sustentabilidade alimentaria e na loita contra as enfermidades non transmisibles (ENT). Entre outros, participarán o ILVO (Instituto de investigación de Flandes para a investigación en Agricultura, Pesca e Comida), o Pacto de política alimentaria urbana de Milán, HispaCoop (Confederación española de Cooperativas de consumidores e Usuarios), o think-thank FoodDrink Europe, a asociación de minoristas independentes no sector alimentario Independent Retail Europe, SAFE Europe (o estudo europeo para o intercambio de profesionais de radioterapia entre os distintos sistemas sanitarios, avanzando na investigación sobre o cancro) e o Grupo Permanente do Comité Social Económico e Europeo para os a Sostibilidade dos Sistemas Alimentarios.

4 millóns de euros, 17 socios e 48 meses para deseñar un sistema alimentario seguro

Cun financiamento de 4 millóns de euros a través do programa Horizonte Europa, o proxecto SOSFood botou a andar hai preto dun ano, en marzo de 2024, e ten unha duración total de 48 meses. Nel conflúen tanto organismos de investigación como empresas de España, Grecia, Lituania, Países Baixos, Portugal, Francia, Bélxica e Italia. A representación española, ademais da UVigo, inclúe á Universidade de Santiago de Compostela, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Hub de Innovación Dixital DATALife e compañías agroalimentarias como Grupo Cuevas.

O proxecto conta con todos os actores responsables do sistema alimentario, e ten coma obxectivo o uso da analítica de datos e a Intelixencia Artificial para a mellora dos procesos de toma de decisión tanto a nivel de políticas como de xestión empresarial/industrial, produción de alimentos e compra/consumo. Para acadar os obxectivos, dous dos principais resultados do proxecto serán un "dashboard" de decisión que permitirá monitorizar e mellorar o proceso de produción, distribución e aproveitamento/xestión de residuos e unha app para consumidores con información sobre a trazabilidade dos produtos, a sostibilidade de cada un deles e as diferentes posibilidades que cada produto pode ofrecer desde un punto de vista nutricional e/gastronómico. Este último aspecto alíñase coa compoñente social do proxecto, que aborda o problema que supón o incremento constante da poboación tanto dende o punto de vista da sostibilidade dos recursos como dende a xustiza social e a garantía de alimentación de calidade para todos.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-02-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES