Notas de prensa

O CITIC e o CSIC alíanse para impulsar a IA na investigación de exoplanetas e estrelas

O gran reto tecnolóxico que supón o descubrimento de exoplanetas e o desenvolvemento de novos métodos para a súa detección e análise é unha das áreas fronteira na astrofísica actual. O CITIC da UDC e o CSIC a través do Instituto de Astrofísica de Andalucíaúnense para impulsar a investigación e a innovación nesta área. Será a través da unidade 'AIRExS: Artificial Intelligence for Research on Exoplanets and Stars' da UDC.

Trátase dunha colaboración estratéxica que reforza a capacidade investigadora da UDC ao integrarse coa rede de excelencia científica do CSIC. Esta colaboración permitirá compartir recursos, infraestruturas e talento, impulsando proxectos conxuntos en áreas prioritarias de investigación.

A científica do CITIC Minia Manteiga liderará esta unidade, na que tamén participarán outros investigadores do centro de Investigación TIC da UDC como José Carlos Dafonte, Manuel González Penedo e Eduardo Mosqueira, así como persoal de apoio investigador. Por parte do IAA-CSIC a responsable será a astrofísica de orixe galega Cristina Rodríguez López.

Fortalecer a proxección internacional

A colaboración entre o CITIC e o CSIC impulsará o avance de técnicas avanzadas de intelixencia artificial, como o Machine Learning, para mellorar a detección e a análise de exoplanetas. Isto permitirá unha maior precisión ao analizar os sinais débiles das eclipses planetarias e facilitará o reexame de grandes bases de datos de misións como Kepler ou Cheops mediante algoritmos tanto supervisados como non supervisados. A experiencia do CITIC no manexo dos datos da misión Gaia, xunto co coñecemento astrofísico do IAA-CSIC, permitirá mellorar a identificación e caracterización das estrelas que dan orixe aos sistemas planetarios.

Este acordo tamén fortalecerá a proxección internacional do CITIC e a UDC, consolidándoos como referentes no uso de intelixencia artificial aplicada á astrofísica. Investigadores novos terán a oportunidade de participar en proxectos internacionais da ESA e a NASA, traballando en equipos prestixiosos e altamente internacionalizados. Ademais, estudantes e profesionais da UDC terán a posibilidade de obter formación práctica e desenvolver as súas carreiras nunha contorna interdisciplinaria e global.

Así o sinala Minia Manteiga, quen afirma que “a colaboración co CSIC é unha excelente oportunidade para que o noso grupo de investigación participe en proxectos internacionais enfocados na detección de exoplanetas, tanto desde a Terra como desde o espazo. Ademais, contribuirá a que os graduados da UDC en Enxeñaría Informática, Ciencia de Datos e Intelixencia artificial poidan desenvolver proxectos multidisciplinares de investigación en equipos de alto nivel, cun destacado grao de internacionalización”.

Ampliar o coñecemento da Vía Láctea e o universo

O CITIC da Universidade da Coruña destaca polo seu estudo na investigación astrofísica a través da súa colaboración cos consorcios internacionais das misións Gaia e Euclid da Axencia Espacial Europea (ESA). O equipo liderado polo Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións de Intelixencia Artificial, ten unha posición de liderado na clasificación e censo de estrelas da Vía Láctea utilizando técnicas baseadas na Intelixencia artificial. A súa participación en Euclid enfócase á análise dos datos infravermellos obtidos polo instrumento NISP-SPEC de Euclid, co obxectivo de diferenciar galaxias doutros obxectos estelares.

A través do desenvolvemento de algoritmos avanzados de intelixencia artificial, contribúese significativamente á caracterización de estrelas frías e obxectos subestelares, como ananas marróns e exoplanetas, ampliando así o coñecemento sobre a Vía Láctea e o universo. O seu labor compleméntase co traballo realizado por outros equipos, consolidando á institución como un referente na investigación espacial e na análise de grandes volumes de datos astronómicos.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro Excelente e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora”.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-02-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES