
Entre o 60 e o 70% dos solos na Unión Europea están en mal estado e sofren degradación, afectando tanto aos solos superficiais como aos subsolos. A pesar do papel crítico dos subsolos nos servizos ecosistémicos, o noso coñecemento sobre a xestión do subsolo segue sendo limitado, destaca a profesora Mosquera. Neste contexto, o proxecto SUS-SOIL, unha iniciativa da Unión Europea para os vindeiros catro anos, establecerá un total de 15 Laboratorios Vivos. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC lidera este proxecto, unha iniciativa incluída no programa Horizonte Europa e dotada con 7 millóns de euros de financiamento orientada a estudar a saúde dos solos, a fin de determinar así o seu grao de sustentabilidade. Os Living Labs ou Laboratorios Vivos son un ecosistema de innovación aberta que opera en contornas reais, cuxo enfoque colaborativo e centrado na persoa usuaria desenvolve, proba e implanta solucións prácticas e sustentables para retos complexos.
A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Mª Rosa Mosquera Losada, que tamén coordina o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, atópase á fronte desta nova iniciativa europea de I+D+i, que está impulsada por un consorcio de 25 socios, entre os que figuran USC, Feuga, Goberno de Murcia e UDC como representantes do Estado español, ademais doutras entidades dun total de 15 países.
Obxectivos
Informar as persoas xestoras de terras e responsables políticos sobre os riscos no subsolo e os seus impactos, mellorar os servizos ecosistémicos, a seguridade hídrica e mitigar o impacto do cambio climático; así como desenvolver ferramentas e estratexias para promover practicas sustentables de xestión do subsolo, conforman os principais obxectivos deste consorcio internacional. Deste xeito estase a artellar unha base de datos de monitorización de subsolo/solo interoperable coas bases de datos LUCAS (Land Use and Coverage Area frame Survey) e ESDAC (The European Soil Data Centre). A análise do uso do solo a longo prazo e a súa relación coa prestación de servizos ecosistémicos é outro dos horizontes nos que se está a traballar xunto co desenvolvemento de idiotipos de explotacións que incorporen as mellores prácticas de xestión agroecolóxica do subsolo. A creación dunha ferramenta de apoio á toma de decisión sobre o subsolo que aborde a degradación do solo e modelos de negocio relevantes, así como o desenvolvemento dunha estratexia de políticas de subsolo para promover as mellores prácticas de xestión son tamén outros dos resultados agardados.
Equipo
Respecto implicación da comunidade científica do Campus Terra neste programa europeo, Rosa Mosquera cifrou en preto dunha ducia o número de persoal docente e investigador e demais persoal técnico da sede universitaria luguesa que está a ter unha participación activa na xestión e no desenvolvemento de SUS-SOIL. Entre as persoas implicadas atópanse, ademais de Mosquera, os profesores Antonio Rigueiro, Esperanza Álvarez, ademais de persoal investigador como Nuria Ferreiro ou Javier Santiago. Divina Vázquez Varela e Teresa Piñeiro ocuparanse das tarefas de xestión, do mesmo xeito que Pablo Fernández e Manuel Condado que desenvolven outros cometidos específicos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.