
Baixo o título Ciencia e conciencia no século XXI, máis de medio centenar de investigadoras e investigadores das tres universidades públicas do SUG se darán cita na Cidade da Cultura. A iniciativa servirá para presentar o novo camiño de co creación que están a construír estes tres centros de investigación de nova xeración, poñendo en valor o gran potencial que pode ofrecer á sociedade a tarefa investigadora dende unha perspectiva científica multi e interdisciplinar.
Dende as súas respectivas direccións científicas, Rosa Crujeiras (CITMAga), María Loureiro (ECOBAS) e Lourenzo Fernández (CISPAC) coinciden en sinalar o carácter diferencial do seu enfoque, imprescindible para abordar os desafíos globais aos que se enfronta a sociedade de hoxe. Os máximos responsables dos tres centros interuniversitarios avogan por trazar estratexias comúns de cooperación e liñas de traballo colaborativas entre o persoal dos tres centros, compartindo as preocupacións que están a abordar dende as súas respectivas axendas científicas.
Ética e ciencia de acceso aberto
Baixo o título Ciencia e conciencia no século XXI, a I Xornada de Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia contará coa participación de persoal experto de primeiro nivel para tratar aspectos de importancia crecente na produción científica actual.
Así, co obxectivo de afondar na perspectiva de democratización da ciencia que están a promover os distintos estamentos públicos, a xefa da unidade de Ciencia Aberta da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Pilar Rico, impartirá a conferencia Ciencia aberta: o coñecemento como un ben público.
A continuación, o ex ministro de Universidades, catedrático de Ciencia Política e investigador da Universidade Autónoma de Barcelona, Joan Subirats, compartirá a súa perspectiva coa intervención Ciencia no século XXI: límites, ética e necesidades sociais da investigación, na que convida a unha reflexión crítica sobre as cuestións éticas que afectan á ciencia nun entorno altamente cambiante e sometido á velocidade dos avances tecnolóxicos.
IA, transición enerxética, inequidade
Organizadas en tres grupos de traballo, as reunións científicas da xornada se estruturan en sesións paralelas para abordar o ámbito tecnolóxico, o ambiental e o social, co obxectivo de definir unha axenda de temáticas de investigación comúns aos tres centros interuniversitarios para a xeración de sinerxías e o aproveitamento conxunto das diversas capacidades que cada un ofrece.
Dende a intelixencia artificial como gran desafío que xurde do desenvolvemento tecnolóxico ata a crise ambiental e a transición ecolóxica ou a desigualdade, pasando polas migracións ou os populismos. O persoal investigador identificará a complementariedade das distintas disciplinas científicas implicadas e a converxencia das preocupacións que comparten.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.