Notas de prensa

Máis de 30 investigadores do CICA inaugura unha exposición 3D en colaboración con UDCBIGBANG

O CICA da Universidade da Coruña inaugurou unha exposición de pezas impresas en 3D que representan as liñas de investigación do centro. A asociación de estudantes da UDC, UDCBIGBANG, promoveu a iniciativa este ano, logrando recompilar o traballo dos grupos de investigación do centro e representalo a través de 38 pezas que quedarán expostas de forma permanente no CICA.

O salón de actos do centro enchíase de estudantes e investigadores que acudiron para ver o produto final dunha colaboración que levaba meses en marcha. Moitos deles enviaran con ilusión un arquivo dunha molécula ou elemento que representaba a investigación do seu grupo e a información que permitiría divulgar á sociedade o que significa, pero ata hoxe ninguén sabía como sería o resultado final.

O acto inaugurouse cunha mesa institucional conformada por Jaime Rodríguez, director do CICA; Mª José Lombardía, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC, e Ignacio Delgado Ferreiro, presidente da asociación UDCBIGBANG. Despois de reflexionar sobre como os químicos e biólogos son cazadores de moléculas e coñecemento e do afortunado que se sente por ter todos os achados do centro alí expostos, o director do CICA deu paso a Mª José Lombardía, agradecendo o apoio da vicerrectoría de Estudantes en forma de financiamento e estímulo para a incubación deste tipo de iniciativas.

A vicerreitora amosou o se entusiasmada por poder presenciar o descubrimento da colección e poder seguir o proxecto desde un inicio. Tamén aproveitou a oportunidade para tender a man a novas iniciativas que volvan a encher os centros de investigación, mesmo en datas de exames como as que estamos a atravesar.

Por último, o presidente da asociación confesou que este proxecto pechaba un ciclo. A asociación leva funcionando desde 2012 e moitos dos que no seu día foron estudantes do Grao en Química ou Bioloxía, hoxe son xa investigadores do CICA que poden estar a ambos os dous lados da ciencia; na produción e na divulgación, amais de axudar a novos estudantes da Facultade de Ciencias a iniciar a súa traxectoria de divulgación desde que empezan a carreira.

María Gelpi e Víctor Hernández tomaron a substitución no acto para presentar como realizaran as pezas. Foi unha intervención de compartir éxitos e fracasos bañada pola risa e a curiosidade dos estudantes e investigadores que enchían a sala. Tres destes últimos tiveron a palabra final. Tamara Hermida, do grupo de investigación GIR-S; Jesús Mosquera, do grupo de investigación Nanoself; e Armand Hernández, do grupo de investigación GRICA, prepararan unha intervención final de agradecemento á asociación para poñer en valor a importancia das iniciativas de divulgación científica nas universidades.

O acto rematou coa revelación da colección de pezas 3D que quedarán expostas de forma permanente no CICA.

A exposición CICA 3D en calquera parte do mundo

O traballo da asociación non rematou na exposición material. A colección está acompañada de carteis cun código QR que permiten a calquera persoa cun teléfono na man acceder á información detallada sobre cada peza da exposición e tamén do grupo de investigación ao que corresponde. Este traballo permite que calquera visitante poida ampliar o seu coñecemento sobre Química e Bioloxía. O traballo recolle desde proteínas ata vesículas, diatomeas, nanopartículas de grafeno, MOOFs e moitos outros produtos da investigación científica do centro que merece a pena coñecer.

O espírito divulgativo do proxecto era profundo e era necesario que ese esforzo se trasladase a un formato dixital visitable desde calquera parte do mundo. Coa axuda do departamento de Comunicación e Divulgación Científica do centro, a asociación de estudantes elaborou unha landing na web do CICA que permite a calquera persoa con acceso a internet visitar a exposición. Na web atoparán toda unha galería de imaxes interactivas coas que chegarán mesmo a poder manipular as pezas en directo facendo que as fotografías en 2D pasen a 3D esteas onde esteas.

Unha historia de iniciativas de divulgación científica na UDC

A Universidade da Coruña leva anos poñendo o foco na divulgación científica, con iniciativas como a formación das asociacións UDCBIGBANG e UDCiencia, a creación da Cátedra Isabel Zendal en colaboración co Concello da Coruña en 2016, a Unidade de Divulgación Científica e a creación dun Vicerreitorado de Divulgación, Cultura e Deporte por parte do novo equipo de goberno da UDC. Este espírito permea ao resto de institucións, facendo que múltiples centros de investigación e facultades conformen grupos de innovación docente, iniciativas de ciencia cidadá e proxectos en colaboración coa FECYT, como Talentos Inclusivos do CITIC, ou CICAGALLERY e Incrúst@te, tamén do CICA.

A asociación UDCBIGBANG

É unha asociación de alumnos da UDC creada en 2014. O seu obxectivo é achegar a Ciencia e a Tecnoloxía ao público xeral e facela máis amena, tanto aos que xa teñen relación con ela como aos que non.

Para lograr isto, colaboran con feiras científicas e elaboran material didáctico, amais de participar en ciclos de charlas e exposicións e colaborar con outras entidades para a creación de espazos de ciencia e divulgación de coñecemento.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES