Notas de prensa

A CRUE analiza en Santiago o desafío das universidades na protección de datos ante os retos da Intelixencia Artificial e da ciberseguridade

A Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) a través do grupo de traballo da Sectorial de Secretarías Xerais, acolle este xoves 20 e o venres 21 as III Xornadas de delegados e delegadas de Protección de datos de Universidades Españolas.

As xornadas inauguráronse este xoves na Facultade de Dereito nun acto que presidiu o reitor Antonio López Díaz e no que tamén participaron a secretaria xeral da Universidade de Santiago de Compostela e presidenta do Grupo de Traballo de Protección de Datos da CRUE, Dulce Mª García Mella; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesias, e o letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento Méndez.

Tal e como explicaron as persoas organizadoras, nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, marcada polo desenvolvemento disruptivo e imparable das novas tecnoloxías, faise imprescindible crear espazos de discusión que sirvan para reflexionar sobre os novos desafíos aos que deben enfrontarse as administracións públicas en xeral e as universidades en particular.

De aí que as xornadas comezasen por examinar o posible impacto derivado da posta en marcha de sistemas de Intelixencia Artificial no ámbito universitario, con especial referencia ás implicacións que isto poida xerar no dereito á protección de datos persoais. Así, profundarase no impacto que ten a intelixencia artificial neste campo, analizando os puntos clave contidos no Regulamento de IA, a necesidade de afrontar o seu desenvolvemento atendendo a principios éticos e os retos que formula a súa utilización en materia de investigación.

Na xornada do xoves analízase tamén, desde una dobre dimensión teórico-práctica, como deben levarse a cabo as avaliacións de impacto no ámbito universitario.

Segunda xornada en Fonseca e clausura

Este venres 21, segundo día das xornadas que pasarán a desenvolverse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, dedicarase ao estudo e debate de dúas cuestións de gran relevancia actual, como son a necesidade de garantir unha adecuada protección aos datos persoais que se comunican a través dos canais de denuncias das Universidades de acordo coa Lei 2/2023 e a maneira na que debe aplicarse o novo Esquema Nacional de Seguridade na comunidade universitaria.

Nestas xornadas participan numerosos expertos de universidades de todo o Estado así como da Representación Permanente de España ante a UE para a Transformación Dixital, do CSIC, da Axencia Española de Protección de Datos e do Centro Criptolóxico Nacional- CERT.

As xornadas ‘A protección de datos na Universidade ante os retos da Intelixencia Artificial e da ciberseguridade. Unha análise dende a protección dos dereitos fundamentais’ clausuraranse este venres, ás 13.30 horas no Salón Nobre de Fonseca, nun acto que presidirá a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, a secretaria da Comisión Delegada do Grupo de Traballo de DPD de CRUE-Secretarías Xerais, Margarita Martínez-Pais Loscertales, e o delegado de Protección de Datos da USC e coordinador das xornadas, Marcos Almeida Cerreda.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES