Notas de prensa

Ourense acolle a exposición sobre mocidade tutelada 'Resalire'

A sala de exposicións Alterarte e o Paseo da Igualdade do campus de Ourense acollen a mostra Resalire. Con fotografía de Fuco Reyes, esta iniciativa da organización non gobernamental Igaxes forma parte da campaña #NonNosXulgues, pola desestigmatización da mocidade tutelada. A mostra parte da definición de resalire como “persoa que volve a saír” e “capacidade dun corpo para recuperar a súa forma orixinal a pesar de persistir forzas que traten de modificalo”.

Xogando con esta idea, a exposición está composta por 15 imaxes de mozas e mozos tutelados que son froito da conversa entre fotógrafo e retratado e “que percorren o pasado para aproximarse ao futuro, aos soños”. Fuco Reyes, subliñan desde a mostra, é “un artista polivalente, merecedor de máis dunha decena de premios de fotografía, e unha das miradas máis innovadoras e suxestivas de Galicia. Ademais de fotógrafo, é licenciado en psicoloxía social e especialista en psicoloxía clínica, formación da que bebe para achegarse, a través das imaxes, á intimidade destas mozas e mozos”.

Cada unha das imaxes de Resalire, indican os seus responsables, “é unha reflexión íntima entre o fotógrafo e as persoas retratadas, que pretende dialogar co observador para rachar con estigmas e prexuízos que pesan sobre as costas destas mozas e mozos; estigmas que se poden materializar, entre outras cousas, en dificultades de integración, problemas para atopar traballo ou para conseguir un alugueiro”. Segundo explican desde Igaxes, organización non gobernamental que traballa desde 2001 coa infancia, xuventude e familias en situación vulnerable e que desenvolve o Programa Mentor neste eido, o resultado desta conversa é “unha exposición íntima e directa, na que as mozas e mozos tutelados mírannos apelando á nosa empatía e comprensión, amosando todo o que significa, en definitiva, ser adolescente”. Así, subliñan, “esta colaboración entre o mundo do social e o mundo da cultura nace para chegar a máis persoas e mudar máis miradas, co obxectivo de transformar unha realidade que, lonxe de ser abstracta, complica a vida de persoas con nome e apelidos”.

Ata o 8 de xaneiro

Alterarte acolle a exposición das fotografías orixinais e o Paseo da Igualdade, nos xardíns universitarios, a súa reprodución en lonas de meirande tamaño, podendo visitarse ata o 8 de xaneiro. Os materiais tamén pode verse na páxina web do proxecto. A mostra, comisariada por Carlos Rosón, director de Igaxes, e feita con apoio da Consellaría de Política Social e Xuventude da Xunta, dá continuidade ao proxecto expositivo Reciprodicidade da Sala Alterarte, que arrancou este curso académico co seu novo coordinador, o profesor Javier Blanco Sierra.

Universidade de Vigo, 2023-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES