Notas de prensa

O proxecto Capta traballará para mellorar a resiliencia costeira na eurorexión Galicia-norte de Portugal

Co obxectivo de mellorar a resiliencia costeira na eurorexión Galicia-norte de Portugal, botou a andar o proxecto Capta, cofinanciado polo programa de cooperación Interreg España-Portugal Poctep e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Feder, e que sentará as bases de políticas e instrumentos de planificación que axuden a preservar os ecosistemas litorais.

A xuntanza de lanzamento tivo lugar hoxe mércores na sede do Cetmar en Vigo e contou coa presenza de investigadores dos dous grupos da Universidade de Vigo implicados, EPhysLab e EcoCost, ambos adscritos ao CIM-UVigo, Centro de Investigación Mariña.

Identificar as ameazas, vulnerabilidades e riscos climáticos para os espazos costeiros

A finalidade desta proposta é crear un marco de cooperación transfronteiriza que permita identificar as ameazas, vulnerabilidades e riscos climáticos aos que se enfrontan os espazos costeiros e establecer actuacións coordinadas para a súa conservación. Deste xeito, os socios tratarán de facilitar procedementos homoxéneos e información comparable sobre riscos climáticos, permitindo accións conxuntas e avaliando o papel que prestan os ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono mediante o uso de novas tecnoloxías, como satélites, vehículos aéreos non tripulados ou redes neuronais, entre outras.

No acto de lanzamento, a directora do Cetmar, Paloma Rueda, destacou a relevancia da iniciativa, que axudará a identificar novos indicadores ambientais para sistemas de alerta nun escenario de cambio climático, e a aplicar metodoloxías comúns para a análise dos fluxos de CO2 e a captación de carbono azul na costa. Capta contribuirá ademais a identificar as principais ameazas e riscos climáticos na zona costeira e a difundir o valor da cooperación transfronteiriza como apoio para unha mellor adaptación e resiliencia ao cambio climático, implicando especialmente á poboación más nova nestas accións.

Un consorcio transfronteirizo

A Consellería do Mar participa activamente neste proxecto a través da Fundación Cetmar, que coordina a iniciativa, e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño-Intecmar, aos que se suma a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Meteogalicia, pertencente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Todos eles forman parte do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia e do Observatorio do Marxe Ibérico-Observatorio RAIA. Xunto con estes organismos e a Universidade de Vigo, son socios de Capta a Universidade da Coruña , o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, o Instituto Español de Oceanografía-CSIC pola parte española, e as universidades de Porto e Aveiro, o Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores do Porto (Inesc TEC) e o Ciimar como socios portugueses, a maioría deles tamén socios fundadores do Observatorio RAIA.

Universidade de Vigo, 2023-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES