Notas de prensa

Novos Cinemas levanta o pano con dez curtas nas que o alumnado 'hackea' a realidade

'Durante o tempo que durou o taller, buscamos maneiras de transformar a realidade a través do cinema. E fixémolo cun simple xesto, introducindo a cámara en situacións cotiás da nosa contorna, como se a estivesemos hackeando'. Deste xeito presenta o artista audiovisual e investigador da Facultade de Belas Artes Berio Molina o taller A xogos coa realidade, no que dez estudantes do campus traballaron nunhas curtametraxes que na tarde deste martes abren a programación de Novos Cinemas.

A oitava edición deste festival, que a Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producións promove, coa participación do Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo celebra na noite deste martes a súa sesión inaugural, coa estrea en Galicia de Á procura da estrela, de Carlos Martínez-Peñalver, mais, unhas horas antes, a súa programación bota a andar coa proxección dos resultados finais deste obradoiro promovido polo festival e a Vicerreitoría do campus.

Propostas que nacen do “xogo e risco”

“A experiencia do taller é moi enriquecedora. Dános a oportunidade de enfrontarnos á creación audiovisual a través duns preceptos complexos, pero que abren a porta a que xurdan situacións moi interesantes e valiosas”, sinala o graduado en Belas Artes Álex Viador, que deu forma a Tránsito, unha curta que presenta como unha “viaxe sensorial” nun taller no que as propostas de Molina levaron ao alumnado a “arriscarnos e cambiar a perspectiva”. Aberto tanto ao alumnado das diferentes titulacións do campus como a egresados e egresadas o pasado curso, a titorización deste artista audiovisual combínase no taller co traballo conxunto entre as e os participantes. “Todos compartimos os nosos puntos de vista, axudámonos entre nós”, engade nese senso a alumna de Belas Artes Alba Amoedo, que estrea El anhelo del reflejo, un “videopoema-ensaio” que reflexiona, a través da abstracción e do experimental, “sobre o concepto da realidade, a existencia, a conciencia de si...”, explica.

Partindo dunha revisión de traballos de cineastas, artistas e pensadores, Molina propuxo neste obradoiro, explica, a busca “do xogo e o risco”, que levou a que xurdisen propostas como GALA, unha “conversa ficticia” co seu ordenador da estudante de Comunicación Audiovisual Ana Laura Rodríguez, que destaca o interesante de propostas que “sempre son capaces de facerte pensar e ver máis aló”. Graduada en Belas Artes, Eva Iglesias suma a esta presentación Neky.ia, unha “curta experimental” na que a protagonista realiza “unha viaxe a través dalgúns dos recordos da súa irmá falecida” grazas a unha intelixencia artificial que permite “revivir momento do pasado”. Pola súa banda, Cristina Souto articulou a súa corta a partir dun xogo “co elemento do espello e co reflexo”, que traslada ao espazo público coa idea de reflexionar como mudan as identidades. Estudante de Belas Artes, esta participante destaca tamén o interese do taller para introducirse no “panorama contemporáneo da videoarte e a arte sonora”, mentres que a tamén alumna desta facultade Yasmina Farhani Luaces presenta en Novos Cinemas A terra ten glitch, “un diálogo entre as imaxes as casualidades e a terra”.

Xunto ás súas propostas, a presentación na que participaron a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o director artístico do festival, Suso Novás e o responsable do taller incluía tamén as estrea das curtas realizadas polos estudante e egresados Julio Catalán, Fernando Areal, Ashling Ocampo e Ainana Barreiro.

Proxeccións, formación e encontros

Tras a sesión inaugural, na que participaron a directora de Área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto; e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, a oitava edición de Novos Cinemas esténdese ata o domingo 17. Xunto ás proxeccións, o programa abrangue diferentes talleres e encontros con profesionais, como os que protagonizarán o cineasta Victor Soho e o profesor da Escola Superior Artística do Porto Tiago Vieira na Casa das Campás, que será tamén sede do LAB, un programa de desenvolvemento de proxectos cinematográficos de cineastas noveis.

Universidade de Vigo, 2023-12-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (premios-nacionales-artesania-2026.jpg) Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia.
Foto de la tercera plana (xuventude.jpg) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou que a Xunta vai desenvolver o título II da Lei de Xuventude de Galicia' para mellorar a calidade dos servizos que se prestan á mocidade galega con medidas para 'incrementar o número de monitores nos campamentos ou flexibilizar os requisitos para poder exercer este traballo'. Así se recolle no proxecto de decreto co que se actualiza o segundo título desta normativa que foi avaliado hoxe no Consello da Xunta e que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia 'despois dun longo proceso de participación e diálogo cos axentes implicados' a través de distintos espazos de escoita activa.

Notas

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela celebra a concesión do Premio Diego Bernal 2027 a Xosé López García, xornalista, doutor en Historia e profesor emérito do centro. A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade concederlle o galardón en recoñecemento a unha traxectoria de case cinco décadas dedicada ao xornalismo, á docencia e á investigación.
No marco do proxecto transfronteirizo Bio Transfer GNP, liderado polo centro de investigación interuniversitario Ecobas, o campus de Ourense acolleu este mércores o lanzamento dunha ferramenta baseada en intelixencia artificial que permite identificar recursos e oportunidades para impulsar a economía circular a partir de subprodutos da cadea de valor alimentaria da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES