
En concreto, o consorcio realizou un radio-seguimento da avespa asiática ata os seus niños e desenvolveu un software para rexistrar os seus movementos, alén dunha páxina web colaborativa para xestións relacionadas coa especie. A maiores, creouse unha plataforma de predición en liña para avaliar o risco de invasión e monitorizáronse os cambios na distribución da especie con ferramentas estatísticas e tecnolóxicas. A definición dun protocolo para a captura, o rastrexo e a vixilancia radioeléctrica do insecto integrou tamén a listaxe de accións executadas no marco do proxecto.
O principal obxectivo consistiu en evitar unha maior expansión e minimizar o impacto da especie invasora avespa velutina nos ecosistemas e no desenvolvemento socioeconómico do espazo atlántico, explican dende a coordinación do proxecto. Isto acadouse mediante o establecemento dunha rede de cooperación transnacional para a posta en marcha de actividades conxuntas.
As especies invasoras non entenden de límites políticos. Esténdense polos territorios segundo as súas capacidades biolóxicas e factores ambientais. É importante crear unha estratexia común para toda a rexión con directrices e procedementos propios, sinalan. O equipo da USC está integrado por Xulio Maside, Andrés Besalga, Carolina Bartolomé Husson, Carola Gomez Rodríguez e Ana Isabel García.
A maiores, realizouse unha análise molecular de parasitos que poidan afectar á especie invasora. Adicionalmente, desenvolvéronse un congreso científico internacional e unha campaña educativa e levaron a cabo iniciativas relacionadas coa prevención e a sensibilización en Irlanda e Reino Unido. Este proxecto foi aprobado na segunda convocatoria do programa de Cooperación territorial Interreg, Atlantic Area 2014-2020. Financiado ao 75% con fondos FEDER.
Liderada pola Fundación CEER, esta alianza atlántica formada polas universidades de Santiago, Vigo, Trás-os-montes e Alto Douro, Exeter e Cork, a Xunta de Galicia, o Instituto Nacional de Investigación Agraria e Veterinaria de Portugal, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario e o Instituto Nacional da Investigación Agronómica de Francia contou cun orzamento total de 2,3 millóns de euros.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.