O seu obxectivo foi achegar ás persoas asistentes o "forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, as oportunidades reais que supón especializarse neste ámbito e o día a día dun profesional deste eido.
Visión de futuro
A xornada foi inaugurada por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que promove este Nodo CIBER.gal. Na súa intervención, o responsable académico, que estivo acompañado por Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, puxo en valor o camiño que se está a percorrer no eido da ciberseguridade en Galicia e recalcou a súa convicción de que neste camiño é moi importante que sumemos forzas porque xuntos somos moitísimos máis fortes. Así, destacou exemplos de colaboración das tres universidades e o goberno galego neste senso como a posta en marcha dos graos e mestrados en Intelixencia Artificial, que no caso da UVigo se imparten na ESEI, e conseguir para Galicia a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. O reitor apuntou que a base para un futuro mellor en ciberseguridade require da combinación do talento que hai tanto nos distintos centros universitarios como na administración e recalcou que o futuro está aberto e está nas nosas mans.
Pola súa banda, Julián Cerviño lembrou que a ciberseguridade é algo que nos afecta a todas as persoas. A velocidade de transformación dixital en todos os sentidos obríganos a estar alerta, tanto como cidadáns, como empresas, como profesionais e por suposto como organismos públicos ao servizo da sociedade. Esta tecnoloxía, recalcou, converteuse nunha prioridade para os gobernos de todo o mundo. Non é unha opción, senón unha necesidade. Temos que protexer a información na contorna dixital e frear a crecente ameaza da ciberdelincuencia. O director de Amtega apuntou que a ciberseguridade é unha tecnoloxía transversal precisa para a estabilidade e avance dunha nación e a protección dos seus cidadáns. Neste contexto dixo que Galicia sitúase á vangarda nesta aposta, indicando que o goberno galego ten actuacións en marcha no eido da ciberseguridade que suman un investimento propio de máis de 7 millóns de euros. Ademais, engadiu, por ser unha das tecnoloxías prioritarias para Galicia estamos a traballar nunha estratexia galega en ciberseguridade. Hai, comentou, un gran reto por diante como é construír unha Galicia máis cibersegura. Para afrontar este reto, o responsable institucional indicou que é preciso contar con talento especializado e puxo en valor as oportunidades que supón este sector no eido profesional e a alta demanda de perfís especializados. Julián Cerviño tamén sinalou na súa intervención que a provincia Ourense será referente en ciberseguridade coa construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, na Tecnopole, centro que, dixo, traerá consigo innumerables oportunidades e permitirá á nosa comunidade manter a dianteira en innovación e desenvolvemento desta tecnoloxía.
Diferentes puntos de vista
Na xornada colaboraron entidades e persoas referentes no seu ámbito de interese, como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, ou os docentes da ESEI Miguel Díaz-Cacho e José Ramón Méndez , entre outros. O programa incluíu unha mesa redonda na que se abordou a actualidade e o futuro da profesión do CISO (que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvo e previr ciberataques ou roubo de datos); obradoiros prácticos para espertar o interese pola ciberseguridade e tamén a presentación da Estratexia Galega de Ciberseguridade 2030, a cargo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
CIBER.gal, indican desde a súa organización, é un proxecto promovido por Amtega de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia e enfrontar os desafíos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo. Conta con máis de 55 entidades públicas e privadas integradas no seu ecosistema. Adrián Lence, director de Área de Infraestrutura e Seguridade de Amtega foi o encargado de arrancar a xornada falando da evolución e futuro deste nodo.
O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.