Notas de prensa

A ICC Week leva a Ourense o debate sobre as aplicacións da intelixencia artificial na sociedade

No marco da programación da ICC Week 2023, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense, a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense acolleu a mesa redonda 'Aplicacións da intelixencia artificial á nosa sociedade'. A IX Semana das Industrias Culturais e Creativas ten lugar ata o domingo nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia.

Na inauguración da actividade, á que asistiu Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, amosou a súa satisfacción pola celebración desta mesa redonda “na fábrica de talento da provincia, do territorio” que, dixo, é o campus de Ourense, destacando ademais como a súa Escola Superior de Enxeñaría Informática é “referente nacional e internacional”. A ICC Week, indicou o responsable provincial, celébrase “ligada á universidade e ao talento, como non podía ser doutro xeito”.

A novena edición desta Semana das Industrias Culturais e Creativas ten lugar ata o domingo nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia, ofrecendo ao público máis de 20 propostas para coñecer as últimas tendencias neste eido. Trátase, indican desde a súa organización, dun amplo programa de actividades que aborda desde a perspectiva cultural aspectos tan variados como a intelixencia artificial, a ilustración, a ciencia, a estrea de producións audiovisuais, a música, a moda, a radio, o emprendemento no rural e os Camiños de Santiago. Coa mesa celebrada este xoves, a cita, engadiu o director da ICC Week, Juan Rivas, “achégase á universidade e achega un dos grandes temas, un tema candente, como é a intelixencia artificial”.

Marco legal e desmitificación

Na mesa redonda, á que asistiu alumnado e profesorado de diferentes titulacións do campus, como os graos de Intelixencia Artificial, Enxeñaría Informática e Aeroespacial, contou coa participación da experta en intelixencia artificial e fundadora de Éticas Gemma Galdón; do profesor de matemática aplicada e presidente da asociación CIVICAi Manel Sanromá e do director do Foro de Humanismo Tecnolóxico en Esade José María Lassalle. Estivo moderada por Alba Meijide, consultora en intelixencia artificial, que apuntou a pertinencia da celebración desta actividade tendo en conta que a intelixencia artificial é na actualidade “un tema central no debate público” no que hai posturas contrapostas entre as que poñen en valor “a súa forza impulsora” e as que se centran na “preocupación polo seu impacto” en temas de vital importancia como o emprego, a seguridade e a privacidade.

Gemma Galdón foi a primeira das persoas en intervir na mesa, amosando a súa satisfacción por estar na universidade, xa que, lembrou, a súa traxectoria profesional naceu das portas que lle abriu a súa tese de doutoramento no eido da compresión de datos desde unha perspectiva sociolóxica. Éticas, lembrou a súa fundadora, está na actualidade formada por 30 persoas que traballan nos diferentes continente. “Somos líderes absolutos en auditoría algorítmica, o que facemos é entrar nos sistemas de intelixencia artificial, ver como funcionan e solucionar as múltiples disfuncións que atopamos nestes sistemas”, apuntou. Segundo explicou a relatora, entre as funcións da súa organización destaca “protexer ás persoas nos procesos tecnolóxicos, porque o que estamos vendo é que as proteccións que temos no mundo analóxico, as leis, as metodoloxías que nos protexen en todos os ámbitos, moitas veces non se trasladan ao mundo dixital”. Así, afirmou, hai “batallas gañadas” en temas como a protección laboral ou do consumidor, lexislación de competencia e todo un marco legal do que non hai unha translación ao ámbito dixital, co cal, advertiu, “atopámonos desprotexidos”. Neste contexto, Gemma Galdón indicou que na súa organización “axudamos a traducir ese marco legal ao ámbito tecnolóxico”.

Segundo explicou a convidada, “esa protección das persoas nos procesos tecnolóxicos implica moitas veces unha tarefa de desmitificación do que é a intelixencia artificial”. Así, subliñou, “temos un debate no que en realidade se entende moi pouco que é realmente a tecnoloxía” e mudar esa situación, indicou, “empeza polos termos, xa que moitas veces falamos de tecnoloxía con palabras que non definen para nada a tecnoloxía”. Así, por exemplo, citou o termo intelixencia artificial, preguntándose que teñen de intelixente procesos de datos e en que se parece un algoritmo á mente humana. “En absolutamente nada”, afirmou, advertindo que “cando lle chamamos intelixencia artificial a mensaxe que lle chega á poboación é que hai un achegamento dos procesos técnicos aos humanos, cando iso non é así”.

Universidade de Vigo, 2023-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES