Notas de prensa

Marcos Méndez, gañador do XIX Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Marcos Méndez, xornalista freelance lucense centrado actualmente na cobertura da guerra de Ucraína, é o gañador da XIX edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol. A candidatura de Marcos Méndez resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado.



O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciaron que o gañador da XIX edición é Marcos Méndez, logo de se celebrar o reconto de votos do que levantou acta o notario Héctor Pardo, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. A candidatura de Marcos Méndez resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación aberta e secreta polas colexiadas e colexiados do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.

A organización do premio salientou que as tres candidaturas eran merecedoras do galardón e recoñecemento polo seu labor xornalístico e quixo aproveitar para lembrar que a situación en países como Ucraína, Irán ou Afganistán supoñen "un panorama mundial difícil para os xornalistas, pero aínda peor para as xornalistas", así como insistir no chamamento ás autoridades para que poñan todos os medios para defender a liberdade de prensa e o dereito a informar. Do mesmo xeito, reclamou unha vez máis que se esclarezan os asasinatos de José Couso e Taras Protsyuk e que se respecten os dereitos e se aclare a situación xudicial de Pablo González, nominado ao Premio Couso en 2022, que se encontra desde febreiro dese ano nun cárcere polaco. A entrega do premio realizarase a primeiros de maio, e a organización anunciará proximamente polas canles habituais o programa.

O premiado

Marcos Méndez Moreira naceu en Lugo en 1976 e é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidad de Navarra, ademais de ter o mestrado en Produción Audiovisual pola Universidad Complutense e o mestrado de Industrias Creativas na Universidade de Santiago de Compostela. Realiza o seu doutoramento cun traballo audiovisual sobre o tratamento en TVE do VIH durante os 30 primeiros anos da pandemia.

En 1996 comeza a incorporarse aos medios de comunicación, exercendo como xornalista en Localia Telelugo, Atlas Galícia (Tele5), Antena3 e TVE. Desde 2010 traballa como xornalista freelance en medios como a Televisión de Galicia, a Radio Galega, laSexta, Tele5, Cuatro, Alianza Informativa Latinoamericana e Tv Caracol. O seu labor xornalístico lévao aos cinco continentes, desde onde informou de acontecementos como as Olimpíadas de Sydney, a declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade ou a erupción do volcán Cumbre Vieja na Palma.

Desde o 25 de febreiro de 2022, é correspondente na guerra de Ucraína. Cubriu a crise de refuxiados, para logo chegar a Kíiv a mediados de marzo, cando comezou o asedio da capital. Estivo informando por todo o país. incluíndo o Donbás, Khárkiv, Mykolaiv ata Odesa. Foi dos primeiros informadores que entraron en Bucha a mañá do 2 de abril e o único xornalista en cubrir a guerra en galego. As súas informacións apareceron en El Progreso, a TVG e Radio Galega, Telecinco, Cuatro, AIL ou Televisión Caracol de Colombia.

Os seus artigos para El Progreso, recollidos co título "Sobre o Terreo", valéronlle o premio da Asociación de Medios de Información no 2022, un ano no que tamén foi recoñecido nos galardóns Lucenses do Ano.

Marcos Méndez súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ãngel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018), Defende A Galega (2019), Lorenzo Milá (2020), Manuel Rico (2021) e Érika Reija (2022) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ãs CeibesÂ’ do escultor Manuel Patinha.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, 2023-04-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O Banco de España acaba de publicar os datos oficiais de débeda pública correspondentes ao peche do exercicio 2025. Nese período, Galicia reduciu a súa ratio de débeda ata o 13,9 % do seu PIB, o que representa a ratio máis baixa dende 2012. Deste xeito, Galicia situase como a cuarta comunidade autónoma de réxime común con nivel de débeda máis baixa e cun diferencial con respecto á media das CCAA de 6,3 puntos porcentuais. A ratio de débeda das CC.AA. situouse no 20,2 %. Logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento. Así, desde a pandemia, ano 2020, reduciu a ratio case seis puntos, pasando de 19,6 % ata o 13,9 %.
Foto de la tercera plana (20260331-01.jpg) A implantación da recollida separada de materia orgánica consolídase como o piar fundamental para que Galicia cumpra cos obxectivos ambientais europeos. Dado que os restos orgánicos representan case o 40 % do lixo doméstico, a súa correcta xestión é a chave para baleirar os vertedoiros e xerar compost de alta calidade que retorne á terra como fertilizante. A día de hoxe, o compromiso galego con este sistema é evidente: 295 concellos xa contan con métodos específicos para os biorresiduos.

Notas

A Primavera Cultural da USC regresará á volta de Semana Santa con diversas citas nas que a tradición e a vangarda camiñan collidas da man. Así, o talento musical emerxente darase cita o 8 de abril na final da terceira edición do Certame de grupos musicais da USC. O 9 de abril será a quenda do Curso de Primavera, na Facultade de Humanidades de Lugo; do concerto de Kid Mount + ünder & Diego Flâneur na lucense Praza de Santa María; e do V Tradi-Fest, no Xardín das pedras que falan en Compostela.
Lori Meyers é unha das bandas máis recoñecidas do indie pop estatal, que regresa a Vigo tras oito anos sen actuar en grandes formatos na cidade. Coti achegará ao Galicia Fest algúns dos seus temas máis coñecidos, convertidos xa en auténticos himnos xeracionais. O artista suramericano chegará a Vigo tras completar unha xira por arxentina
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES