Notas de prensa

Investigadores da USC pescudan no mecanismo de toxicidade das biotoxinas co proxecto europeo BIOTOXDoc

O grupo de investigación Farmatox da USC, coordinado polo catedrático da área de Farmacoloxía na Facultade de Veterinaria de Lugo, Luis Miguel Botana, pescuda no mecanismo que provoca a toxicidade das biotoxinas ao abeiro do proxecto BIOTOXDoc, un programa internacional incluído na estratexia Horizonte Europea, no que participan máis dunha ducia de entidades europeas.

O obxectivo xeral de BIOTOXDoc pasa por formar doutores e especializalos nunha ampla gama de habilidades e competencias complementarias, pero que se antollan necesarias para que a ciencia avance no control das biotoxinas, aproveitando un equipo multidisciplinar e multisectorial de expertos de talla mundial. A liña de traballo que desenvolverá o grupo Farmatox da USC neste proxecto centrarase no estudo do mecanismo que produce a toxicidade das toxinas, segundo indica Luis M. Botana, que ve neste proxecto de I+D unha oportunidade para avanzar no ámbito da seguridade alimentaria a nivel mundial.

A problemática derivada das biotoxinas e, especialmente a relacionada coas toxinas maxiñas, é crecente e require de solucións urxentes, sinala Botana, quen, ademais de salientar a falta de investigadores especialistas en seguridade alimentaria, tamén cuestiona a eficacia e a precisión das diferentes normativas vixentes para garantir a produción e o subministro de alimentos seguros no mundo nun contexto de cambio climático.

Os investigadores de doutoramento seleccionados para tomar parte no proxecto BIOTOXDoc desenvolverán novas estratexias de desintoxicación de biotoxinas e avaliarán a toxicidade combinada de biotoxinas coexistentes, ao tempo que realizarán probas rápidas e de confirmación de biotoxinas. Os diferentes traballos de experimentación e as pescudas desenvolvidas no marco deste proxecto buscan colmar as lagoas máis importantes do coñecemento actual neste ámbito científico.

O principal vínculo entre os diferentes investigadores de doutoramento que se incorporen a este proxecto internacional é que, a expensas dos enfoques e dos segmentos da cadea alimentaria humana e animal, todos abordarán a influencia do cambio climático na aparición de biotoxinas e a consecuente demanda de estratexias revisadas para mitigar o seu impacto na poboación europea.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-04-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES