
Como nas súas anteriores edicións, o encontro celebrarase no marco da colaboración entre a AMIT-GAL e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC (OIX) coa cooperación da Facultade de Ciencias da Comunicación que será a sede da xornada. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario electrónico (ata o 18 de abril ás 15.00 horas).
Da man de Sonia Valladades e María J. Iniesto, docentes do grao de Robótica da USC, a xornada do vindeiro 21 de abril desenvolverase ao redor da conferencia e posterior debate sobre o tema Científicas e tecnólogas no sector agroforestal: retos e solucións no ámbito da robótica. A Xornada comezará ás 16.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación cun acto que presentará a delegada do reitor para a Igualdade e coordinadora da OIX, Marta Pérez Pereiro; a decana do centro, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; e a presidenta de AMIT-GAL, María Carreiro.
Con este enfoque preténdese abordar o debate e análise arredor deste campo incidindo na mirada de xénero e tamén na do sector agroforestal, moi ligado ao territorio en Galicia. Como explican as promotoras desta sesión, o desenvolvemento da robótica seguramente cambiará os modos de produción industrial, introducirá novas ferramentas na investigación e, consecuentemente, afectará ao desenvolvemento da vida cotiá, e por suposto ao traballos doméstico e de coidados.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.