Notas de prensa

70 especialistas internacionais exploran en Santiago novos tratamentos contra o cancro

A hipertermia con nanopartículas magnéticas é un tratamento que toma como punto de partida o feito de que as células tumorais sexan máis sensibles aos incrementos de temperatura que as sas. Dado que os imáns poden quentarse baixo a acción de campos magnéticos, esta técnica consiste en situar nanopartículas magnéticas (nanoimáns) no tumor, para activalos de xeito remoto.

Créase así un aumento local de temperatura, provocando directamente a apoptose celular (morte controlada), ou volvendo as células máis sensibles a outros tratamentos. Coa vontade de profundar nesta técnica, a Facultade de Física e o Instituto de Materiais da USC (iMATUS) organizan na Facultade de Óptica e Optometría o ‘3rd Workshop on Magnetic Nanoparticles and Hyperthermia’ que se desenvolverá entre os días 19 e 21 de abril.

Este foro, coordinado polo investigador da USC David Serantes e por Roy Chantrell, profesor da University of York no Reino Unido, contará con 70 participantes procedentes dunha vintena de institucións internacionais e 13 do conxunto do Estado. “Nesta xuntanza búscase debater con especialistas aspectos concretos que consideramos necesitan resolverse para permitir maiores avances”, explica o profesor Serantes. A xuntanza terá fundamentalmente un enfoque de ciencia de materiais.

“A vantaxe desta técnica é o feito de que o corpo humano é esencialmente insensible a campos magnéticos, e que hai nanoimáns moi biocompatibles, o que permitiría a súa aplicación médica”, engade David Serantes. O tratamento do cancro de glioblastoma por hipertermia recibiu a aprobación médica na UE xa hai máis dunha década; o de páncreas atópase aínda en fase de estudo clínico, “cuns primeiros pacientes tratados en Barcelona o ano pasado, no contexto dun proxecto europeo”, matiza. Malia que a aplicación levantou moitas expectativas, “o certo é que non acadou o éxito esperado, non pertencendo aínda á práctica clínica habitual”, sinala.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-04-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES