
O mércores 12 de abril, a partir das 20.30 horas, a Casa do Saber de Lugo acollerá a presentación da performance Espazos abandonados, a cargo do alumnado de danza contemporánea da USC. O elenco de bailaríns desta peza, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Ludovico Einaudi, está integrado por Lucía Fernández, Candela Gamallo, Irene Insua, Julia Lacleta, Daniela Mangas, Brais Rodríguez e Elena Sánchez.
A compañía D-ou-tras, do campus de Ourense da Universidade de Vigo dará continuidade á quenda de representacións da primeira xornada do XXI Encontro de Danza coa presentación de Corpos celestes, froito dun traballo de investigación ao redor das traxectorias dos corpos celestes e as diferentes densidades do aire. Ainhoa Viñuela, Alicia Fraga, Ánxela González, Daniele Tommasini, Diego Negro, Belén Ferro, Rosa Puga, Laura Lozano, Mercedes Ferro e Sira Gonzále conforman o elenco de intérpretes desta obra, que conta con coreografía de Nuria Sotelo.
A compañía de Danza da USC, xunto coa formación Sen Vergoña, integrada por alumnado do programa de IV Ciclo da USC e que conta tamén con Juan Carlos Zahera como director artístico, pecharán a primeira xornada deste encontro de danza coa función Alento. Esta nova produción da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura fai alusión ao primeiro e último que temos nesta viaxe da vida; o que nos impulsa á acción e nos frea ante as situacións difíciles, o que nos anima a danzar e a expresar: o alento.
Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Carmen Sarmiento, Dolores Besteiro, Herminda Méndez, Beatriz Ovalle, Rosa Menéndez, Sabela Rodríguez e Victoria Vázquez conforman o elenco que interpretará a obra, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Armand Amar. Sabela Rodríguez é a autora do texto, ao que pon voz Xosé Valcárcel.
O alumnado de danza contemporánea da USC abrirá de novo o xoves 13, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, a segunda xornada do XXI Encontro de Danza cun novo pase da performance Espazos abandonados. De seguido, a aula de danza da Universidade da Coruña presentará Á espera de..., unha proposta escénica que reflexiona desde o movemento sobre o acto de agardar.
Inspirada na obra de Samuel Beckett, Á espera de Godot, a coreografía desta intervención é de Alba Fernández Cotelo e coreografía colectiva. As bailarinas e os bailaríns serán Daniela Castellanos, Remedios Cuba, Cristina Nogueira, Alfonso Louro, Elías Álvarez, Fabiola Fraga, Tania Galán, Estefanía Calo, Ana Blanco, Aida García, Jacqueline Reimúndez, Marta Argüelles e Lucía Castro. Unha vez rematada a interpretación desta composición, as compañías de danza da USC pecharán o encontro cun segundo pase da obra Alento.
Santiago
O Encontro de Danza botará a andar en Compostela o día 19 pero como petisco o Teatro Principal acollerá o luns 17 o MilongUSC, un espazo onde as persoas amantes do tango e da milonga se reúnen para bailar e socializar. É un lugar onde se respira o ambiente do tango e se comparte a paixón polo baile, explica o responsable do Espazo de Danza, Juan Carlos Zahera. A milonga é un lugar de encontro dos e das amantes do tango e da milonga, onde se comparten experiencias, se practica baile e se goza da música nun ambiente amigable e social, engade. O evento contará coa participación do alumnado do curso de danza-tango 22/23 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido ao longo do curso.
Xa o mércores, 19 de abril, a partir das 20.30 horas e tamén no Teatro Principal, o encontro botará a andar en Compostela coa obra Á espera de...., a cargo da aula de danza da Universidade da Coruña. A continuación, será a quenda da Compañía de Danza da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, coa obra titulada Corpos Celestes. A obra Alento da USC será a encargada de pechar a sesión. A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións ata completar a capacidade do espazo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.