Notas de prensa

Play-Doc expande a súa programación con Cinema Percorridos, realidade virtual, experimentos sonoros e unha ampla proposta formativa

O 19º festival internacional de cinema Play-Doc (Tui, do 26 de abril ao 1 de maio) presenta unha nova entrega desta proposta que leva o cinema máis aló da pantalla tradicional. A través dun percorrido nocturno guiado pola cidade monumental de Tui, os espectadores descubrirán como unha serie de instalacións e espectáculos audiovisuais transforman espazos históricos normalmente pechados ao público.

Nesta ocasión Cinema Percorridos non só será unha experiencia artística, performativa e visual senón tamén todo un acontecemento auditivo. Os encargados de crear estas instalacións, baixo o comisariado de Xisela Franco, serán a visualista Marta Verde que presentará unha perfomance en colaboración co compositor e artista sonoro José Venditti. Tamén participarán os colectivos M8 e Colapso, vinculados á escena galega máis vangardista do cinema expandido e a arte sonora. A representación internacional será a cargo da artista visual, fotógrafa e poeta uruguaia Josefina Cuneo, cuxas proxeccións de vídeo en directo estarán acompañadas por unha instalación sonora de aparellos, esculturas e autómatas cinético-sonoros construídos polo etnomusicólogo e compositor venezolano Carlos Suárez.

Cinema Percorridos é un evento único e orixinal producido en exclusiva por Play-Doc que expón unha exploración polos novos camiños polos que discorre a creación audiovisual contemporánea.

Obradoiro con Albert Serra e Montse Triola.

Baixo o título de O cinema do futuro. O potencial da tecnoloxía dixital para crear imaxes inéditas, o prestixioso e multipremiado cineasta Albert Serra xunto á súa produtora Montse Triola permitirannos coñecer de preto a traxectoria e metodoloxía de Andergraun Films. Este obradoiro, realizado en colaboración con La Plantación terá lugar do 28 ao 30 de abril durante a celebración da 19 edición do festival. As inscricións están abertas ata o 14 de abril.

Realidade Virtual interactiva con Joséphine Derobe.

A artista e cineasta francesa Joséphine Derobe, experta en narrativas e formas inmersivas en cinema, arte dixital e teatro, ofrecerá unha clase maxistral sobre as súas investigacións no campo da realidade virtual interactiva e as imaxes tridimensionais. Nesta edición de Play-Doc coñeceremos os seus últimos proxectos desenvolvidos en paralelo á súa actividade como estereógrafa no cinema, onde destacan os seus traballos para Wim Wenders Everything will be fine, Cathedrals of Culture, Pina e outros como Minuscule, Astérix&Obélix au Service de sa Majesté. Ademais, durante o festival, haberá unha instalación aberta na que o público poderá vivir unha experiencia interactiva con algún dos seus traballos.

Seminario de crítica e programación de cinema restaurado.

Os días 29 e 30 de abril de 2023 terá lugar o Seminario de crítica e programación de cinema restaurado, realizado en colaboración coa revista dixital A Cuarta Parede, e está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en coñecer en profundidade o traballo de restauración que levan a cabo este tipo de institucións, así como na elaboración de programas, críticas e textos curatoriais sobre cinema de patrimonio. Participarán prestixiosos expertos, como o indio Shivendra Singh Dungarpur, fundador da Film Heritage Foundation de Bombai, ou a historiadora de arte e archivista alemá Vivien Buchhorn.

Encontro sonoro con Carlos Suarez.

Asimesmo, o festival propón un encontro sonoro onde o etnomusicólogo venezolano Carlos Suárez desvelará ao público os segredos dos aparellos que constrúe, autómatas cinético-sonoros fabricados con motores ou dispositivos electrónicos autosuficientes. Falará da súa visión do son, a importancia da escoita e o papel que cumpre a fonografía e a gravación de campo, así como dos obxectos sonoros que crea, o que chama “organoloxía experimental”.

Obradoiro de cinema comunitario. Filmar ao próximo.

Play-Doc volverá poñer en marcha un obradoiro de cinema, orientado a todas aquelas persoas de Tui e da comarca co obxectivo de compartir unha experiencia social e comunitaria mediante o retrato audiovisual da súa veciñanza. Os participantes realizarán unha pequena peza audiovisual cuxo resultado se poderá ver no festival. O obradoiro será impartido polo recoñecido cineasta galego, Eloy Domínguez Serén.

Festival Internacional de Cinema Play-Doc, 2023-04-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES