Notas de prensa

Físicos da USC determinan o tamaño no que a complexidade social dos grupos humanos implica un salto cualitativo

As dinámicas sociais son moldeadas tanto polas accións individuais como polas tendencias colectivas que emerxen cando as persoas se xuntan. Con todo, o comportamento dos sistemas sociais muda cando o seu tamaño cruza certos limiares, o que implica que os comportamentos emerxentes comecen a dar forma ao destino do conxunto, anulando a dinámica máis directa de cada unha das partes.

Este é o punto de partida do traballo desenvolvido por investigadores da USC e do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC no artigo titulado ‘A spectrum of complexity uncovers Dunbar’s number and other leaps in social structure’. A través dunha novidosa análise matemática, a investigación publicada en Chaos, Solitons & Fractals determina escalas (números de persoas) nas que a complexidade dun grupo social se ve incrementada de xeito especialmente intenso. Os resultados son de potencial aplicación en economía ou política, por exemplo, á hora de comprender como cambiará a complexidade dunha empresa ou unha rexión ao crecer por riba dun certo tamaño.

“O aumento da complexidade ás veces experimenta saltos bruscos. Existen certos tamaños por debaixo dos cales as nosas relacións son simples; pero unha vez que superamos ese límite, a estrutura social vólvese máis complexa de forma moi rápida”, explican os investigadores da Facultade de Física da USC, Martín Saavedra, Jorge Mira e Alberto P. Muñuzuri; e Luís F. Seoane do CSIC. “Que é un pobo? E unha cidade? Sabemos que se diferencian no número de habitantes, pero intuímos algo máis: a vida social dunha aldea parécenos moito máis sinxela que a dunha capital, por exemplo. Os humanos organizámonos en grupos de tamaños moi distintos, dende un equipo de rugby, pasando por unha provincia, ata unha nación”, engaden.

Metodoloxía

O equipo estudou os procesos sociolingüísticos acontecidos en Galicia ao longo dos últimos cen anos. Neste tempo, o galego tendeu a ser substituído polo castelán, malia que as dúas son linguas romances con alta intelixibilidade mutua, o que habilita o bilingüismo e podería soster a coexistencia dos dous idiomas a longo prazo. Estas dinámicas despregáronse ao mesmo tempo, a diferentes velocidades, en núcleos rurais e en grandes cidades. Galicia contén a metade das 60.000 entidades singulares de poboación que hai no conxunto do Estado, das cales 27.000 son núcleos con menos de cen habitantes, feito que permitiu aos investigadores contar con grupos sociais de diversa complexidade á hora de abordar a evolución deste fenómeno.

“Esta distribución brindounos unha oportunidade única de estudar en que escalas sociais emerxentes o comportamento humano vese alterado de xeito notorio”, explican. Segundo a súa hipótese, cando máis sinxela fose a rede social de cada municipio, máis rápido deberían acontecer os cambios correspondentes, mentres que en cidades como A Coruña ou Vigo deberían tomar máis tempo.

De Dunbar a Platón

Os investigadores ordenaron estas velocidades de cambio segundo a fracción de poboación urbana en cada rexión. Con isto descubriron que hai “tamaños” nos cales a complexidade da rede social pega un “acelerón”. As escalas singulares localízanse ao redor de 180 e 5.000 habitantes, ambos números moi significativos no estudo da complexidade de grupos humanos. 180 é o máis destacado pola súa proximidade ao chamado número de Dunbar, antropólogo que teorizou sobre a cantidade de persoas que poden relacionarse plenamente nun grupo social. “Por enriba dese número resultaría máis complicado prestar a atención suficiente ás nosas relacións, que acabarían colapsando”, apuntan os científicos. Investigacións previas mostraron como animais con diferentes capacidades cognitivas teñen un número de Dunbar acorde, o cal condiciona o tamaño dos grupos que poden establecer. “Esta investigación mostra que os humanos desenvolvemos grupos por enriba dese límite cognitivo aínda a risco de que as nosas redes sociais se volvan moito máis complexas”, engaden.

A outra escala singular detectada, 5.000 persoas, entronca co que sucede en varios ordenamentos territoriais xa que a lexislación española marca cambios en concellos con máis de 5.000 habitantes, sendo este tamén un dos límites nos que se producen modificacións na composición dos plenos municipais, entre outros. Os autores apuntan como curiosidade que esta cantidade coincide case con 5.040, o número que Platón identificaba como o tamaño ideal da súa polis utópica. Esta nova investigación mostra que algo singular sucede nos grupos sociais ao redor dese tamaño malia que “parece que a intuición política humana xa notara a relevancia desa escala, e que a incorporou de diversas maneiras á nosa forma de organizarnos”, sinalan.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-04-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES