Notas de prensa

Máis de 250 persoas daranse cita nunha xornada para abordar os retos da enfermidade de Parkinson

O grupo de investigación de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e o Servizo de Neuroloxía do CHUS organizan o vindeiro 11 de abril, ás 17.00 horas, un encontro na Facultade de Medicina e Odontoloxía co fin de achegar información a pacientes desta enfermidade e a persoas coidadoras.

Dende 1994, cada 11 de abril conmemórase o Día Mundial do Parkinson. “Trátase dunha iniciativa promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) co obxectivo de informar e sensibilizar á poboación sobre a situación e necesidades dos pacientes afectados por esta enfermidade neurodexenerativa e crónica que afecta en España a unhas 120.000-150.000 persoas e é a segunda afección neurodexenerativa máis frecuente, despois da enfermidade de Alzheimer”, apuntan dende a organización do evento.

A enfermidade de Parkinson constitúe unha patoloxía neurodexenerativa e crónica de orixe multifactorial. A data do 11 de abril foi elixida coincidindo co aniversario do nacemento do Doutor James Parkinson, neurólogo británico que describiu por primeira vez a enfermidade. Os problemas motores cos que cursa —aparición de tremores en repouso, lentitude de movementos, rixidez muscular e dificultade para iniciar a marcha— son os síntomas máis coñecidos pola poboación xeral. Con todo, existen outros síntomas non motores que, en moitas ocasións, poden deteriorar a calidade de vida do paciente: problemas do soño, depresión, trastornos de control de impulsos, e/ou problemas cognitivos. Malia que é unha enfermidade que habitualmente se diagnostica en idades avanzadas, tamén pode aparecer a idades temperás.

Na sesión do vindeiro día 11, agárdase a participación de máis de 250 persoas, entre pacientes e persoal sanitario implicado na atención e coidados a afectados que sofren esta patoloxía. Xa confirmaron a súa asistencia as asociacións Parkinson Galicia-Coruña; Acem: Asociación Compostelá de Esclerose múltiple; Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple; Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER); Asociación Parkinson provincia Pontevedra (Bueu); Asociación Parkinson de Vigo; e Asociación Párkinson Ferrol.

Durante o transcurso da xornada, o catedrático José Luis Labandeira García e os neurólogos Anxo Sesar, Gustavo Pajarín, Diego Santos e Carmen Labandeira impartirán charlas sobre liñas de investigación actuais e futuras, así como o éxito de medicacións clásicas (Levodopa) e a implementación de novos tratamentos como o HIFU. Ademais, representantes e persoas afectadas das diferentes asociacións compartirán a súa experiencia con neurólogos/as e investigadores/as. O coordinador da unidade de Trastornos de movemento do Servizo de Neuroloxía do CHUS, Anxo Sesar, e a investigadora do Grupo de Neurobiología Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do CiMUS da USC, Ana Isabel Rodríguez, conducirán e moderarán a xornada.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (vilablues-2026.jpg) Un dos elementos diferenciais do Vilablues é que a súa programación transcende o recinto principal e se integra na propia vida do municipio. O festival conta con concertos, pasarrúas, sesións, jam sessions e actividades dirixidas a diferentes públicos, facendo que a música dialogue co espazo público, coa hostalaría, co comercio e coa actividade cotiá de Vilanova de Arousa. O cartel desta undécima edición estará encabezado por Dr. Feelgood, unha das grandes lendas británicas do pub rock.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A incorporación da intelixencia artificial (IA), o internet das cousas (IoT) e o big data nos sistemas xeoespaciais corporativos da Xunta, xunto co despregamento da plataforma de soporte a xemelgos dixitais, están a transformar a xestión territorial de Galicia, segundo o balance de 2025 da Estratexia Galicia Dixital 2030. O novo modelo, resultado do Programa de Xestión Territorial Intelixente, permite aproveitar as oportunidades en materia de xestión e coñecemento do territorio, de acordo coa visión estratéxica dunha transformación dixital adaptada ás necesidades específicas de Galicia.

Notas

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos. Con isto responden afirmativamente nas dimensións n = 4 e n = 6 unha pregunta que o xeómetra francés Marcel Berger formulou en 1965 e que se resistira durante seis décadas.
No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES