
Este ano subirán ao Escenario Vibra Mahou: Lori Meyers, La Casa Azul, Sidecars, Sidonie, Carlangas, Delaporte, Moura, Hickeys, Berta Franklin, Tangerine Sistas, Ocho y Medio Djs e os DJ Akkan. O sábado pola mañá as actuacións da Banda de Música de Vilalba e Los Malinches trasládanse á Praza da Constitución, mentres que o domingo terá lugar a actuación infantil de A Gramola Gominola no mesmo espazo. Todos os concertos situados no Escenario Emerxente serán gratuítos e os horarios da programación musical pódense consultar na páxina web e nas redes sociais do FIV.
Vilalba gozará durante a fin de semana das diversas actuacións que estarán repartidas entre os escenarios situados na Praza da Constitución -o Escenario Emerxente-, e no Campo da Feira -o Escenario Vibra Mahou-, albergando este ano un aforo para 5.000 persoas. Tamén se realizarán unha serie de actividades paralelas ao longo dos tres días de festival na Casa da Cultura. A gravación do podcast Café Derby 21, un coloquio sobre a evolución dos medios musicais e a presentación do libro infantil Isto é rock!, do xornalista cultural Javier Becerra. O aforo é limitado e, para estas dúas últimas actividades, o acceso é libre por orde de inscrición a través da páxina web do festival.
Esta iniciativa municipal supón para a localidade unha inxección importante en canto á revitalización económica; pois o seu desenvolvemento tradúcese en emprego, promoción da localidade, e atracción do turismo. Ademais, este ano volverá reactivarse a campaña #EuSonFIV, na que comercio e hostalería ofrecerán diferentes descontos na vila a todos aqueles clientes que acrediten ser público do festival (mediante a pulseira oficial do FIV 2023).
O festival conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que impulsa os encontros en torno ao directo. A Deputación de Lugo, Grupo Entrepinares, Petroni e Gadis tamén forman parte dos patrocinadores oficiais do FIV 2023, que continúan apostando por este formato.
Os abonos continúan á venda a un prezo de 45 (+g.x.) tras esgotarse os tres primeiros tramos, así como os billetes de autobús para o servizo especial de transporte que, por primeira vez, levará de volta ao público ás cidades da Coruña e Lugo ao finalizar os concertos principais. Os tickets pódense adquirir a través da web https://fivdevilalba.com.
Así mesmo, aínda quedan prazas dispoñibles para a zona de acampada ao aire libre. O recinto escollido é o campo de fútbol Estadio Roca e as prazas son limitadas. As reservas estarán dispoñibles a través da páxina web ata o 16 de abril ou esgotarse o número máximo de parcelas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.