Notas de prensa

Profesionais da comunicación reflexionan sobre as desigualdades no sector

'Elas. As voces do sector' era o título da mesa de debate que, no marco dos actos conmemorativos do 8M, reuniu este xoves no campus a profesionais da comunicación e da industria musical, co obxectivo tanto de percorrer as súas traxectorias, como de reflexionar sobre as desigualdades, desde a fenda salarial ata o teito de cristal, ás que as profesionais teñen que enfrontarse no mercado laboral.

Promovido pola axencia júnior Freshy, integrada por estudantes do Grao de Publicidade e Relacións Públicas, e polo estudantatado responsable dos actos Santa Kata, este coloquio contou coas intervencións da egresada da Facultade de Comunicación Cristina García, directora de comunicación de Esmerarte, empresa responsable de festivais como O Son do Camiño ou Portamérica; Sheila Patricia, da produtora de eventos culturais Xeitosa Producións; e a estudante da facultade Sara Piñeiro, fundadora do ciclo de conferencias Érték.

O obxectivo deste coloquio, como explica a súa moderadora, a alumna e integrante de Freshy Noela Sanjurjo, era que as participantes abordasen en primeiro termo “a súa experiencia e traxectoria e o seu día a día a como mulleres do sector da comunicación”, para logo promover unha reflexión sobre se “a representación das mulleres que hai na facultade”, onde as alumnas son maioría en titulacións como Publicidade e RRPP, se ve ou non reflectida no mundo profesional.

Neste punto, o coloquio levou a pór sobre a mesa datos como a existencia dunha fenda salarial de preto do 20% entre as e os profesionais da industria musical, como sinalou García, que achegou ao debate algunhas das conclusións do estudo realizado recentemente pola asociación de mulleres profesionais desta industria, MIM. Realizado cunha mostra de preto de 350 mulleres, este informe pon o foco na existencia de “bastantes barreiras” para a incorporación das mulleres ao sector, “desde falta de contactos e de oportunidades, a discriminacións por cuestións de sexo ou problemas de conciliación laboral, de pouca flexibilidade á hora de poder compatibilizar a túa vida persoal, teñas fillos ou non, coa profesional”, sinalou esta egresada. Nese senso, García recoñeceu que, aínda que non é o caso de Esmerarte, o da música segue sendo un sector “no que, en xeral, hai moitos máis mulleres que homes e no que, sobre todo, faltan mulleres en postos de responsabilidade”.
A necesidade de “xerar referentes”

A esta análise sumouse a visión de Sheila Patricia, responsable dunha empresa de produción de eventos artísticos e culturais, que incidiu tamén en que “se ben hai avances, dende logo que hai teito de cristal e que os lugares de liderado están ocupados por homes”. Alén disto, a representante de Xeitosa Producións detívose tamén no “difícil” que é no seu ámbito de traballo “atopar unha muller técnica de son ou iluminadora”. Isto levouno á pór foco nunha das “loitas posibles”, a necesidade de que “xerar referentes” que poidan animar a nenas e mozas a decantarse por estudos e ámbitos profesionais hoxe en día masculinizados.

A conversa completouse á súa vez coas impresións de Sara Piñeiro, que abordou tanto a súa experiencia como estudante como o seu labor na organización da Értek Conference, un ciclo de conferencias centrado en márketing que recentemente desenvolvía na facultade a súa cuarta edición xunto co Real Club Celta.

Universidade de Vigo, 2023-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade.

Notas

No marco dun convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, estableceuse como obxectivo a elaboración dun protocolo común en materia de acompañamento psicolóxico ao estudantado destas universidades.
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acollerá os días 22 e 23 de setembro o 2º Congreso Internacional de Xestión da Balneoterapia, que ten por lema Innovación, saúde e territorio ante o reto demográfico. Con arredor dun centenar de asistentes, no evento presentaranse arredor de 70 traballos científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES