Notas de prensa

O grupo GRISAMP avalía o potencial das TIC no avellentamento activo

O grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía da USC segue a traballar nas posibilidades que as tecnoloxías da información achegan para o desenvolvemento de intervencións psicolóxicas que promovan o avellentamento activo. O grupo está avaliando a eficacia que pode acadar un videoxogo en liña, unha plataforma virtual e a súa correspondente app móbil.

O equipo do estudo GAME_PROAGING, coordinado por Fernando Lino Vázquez, busca persoas interesadas en participar no proxecto de balde e que teñan polo menos 45 anos, residan en Galicia, e dispoñan dos dispositivos adecuados para realizar os programas: computador e smartphone con conexión a Internet.

Nesta fase do proxecto, o grupo precisa da participación de persoas que, segundo as súas necesidades clínicas, serían asignadas a unha intervención cognitivo-condutual administrada a través dun videoxogo serio multimedia interactivo en liña, cunha aplicación complementaria ou a un programa, tamén en liña, sobre o avellentamento activo. As persoas que teñan interese en participar proporcionarán os seus datos de contacto (nome e apelidos, número de teléfono, correo electrónico) enviando un mail a [email protected]

Premio Iacobus

Este proxecto da USC acaba de ser recoñecido pola Comisión de Recoñecementos da Conferencia Mundial de Educación ‘A Educación e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Horizonte 2030’ que se desenvolveu en Santiago de Compostela, do 16 ao 18 de febreiro de 2023. A investigación de GRISAMP recibiu un accésit no marco do premio Iacobus de Educación, na categoría ‘Investigación e Innovación na área educativa de universidades e centros de investigación’.

O tipo de videoxogo desenvolvido conforma unha aventura gráfica baseada no Camiño de Santiago francés que se centra nun personaxe protagonista (Jacobo) e integra o xogador/a nunha narrativa da que xorden interaccións con personaxes, elementos da contorna e crebacabezas, co obxectivo de adquirir ferramentas psicolóxicas e adestrar a súa capacidade cognitiva.

A intervención abrangue oito módulos de 60 minutos de duración cada un, a razón dun por semana, con tarefas entre sesións para practicar as habilidades adestradas na súa vida real. O proxecto de investigación focaliza tres áreas: prevención da depresión, estimulación cognitiva e hábitos de vida saudable. O primeiro dos módulos presenta información sobre os síntomas depresivos e a necesidade do seu afrontamento activo, comezando pola auto-observación e rexistro do estado de ánimo e ensinando unha técnica de control da activación, a respiración diafragmática profunda.

Os dous seguintes están orientados á activación condutual, mentres que do terceiro ao quinto se introduce psico-educación sobre os hábitos de vida saudables (sono, actividade física e alimentación), así como estratexias para desenvolvelos. Nos módulos sexto e sétimo adéstrase os participantes na identificación de pensamentos negativos e a cambialos por outros máis racionais e positivos. O último diríxese a fomentar a autoestima e a prevención de recaídas. A estimulación cognitiva e o adestramento en habilidades sociais son contidos transversais ao longo de todos os módulos do videoxogo.

Oito semanas

A aplicación asociada ao xogo compleméntao, estando sincronizada con el, e permite ao usuario repasar o aprendido, revisar os progresos, consultar as etapas do Camiño, ou rexistrar as tarefas entre sesións, entre outras funcións. A duración do programa é de oito semanas, con avaliacións antes e despois do mesmo e aos 3, 6 e 12 meses logo da súa finalización. Dado que o programa adminístrase de xeito telemático, as persoas participantes poden realizalo comodamente dende o seu domicilio e no momento do día máis adecuado para eles.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES