Foi no marco dunha sesión na que tamén participaron a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o xefe territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Gerardo Criado Guizán; o deputado provincial delegado da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, e o vicepresidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas, Bruno López Molina.
O campionato galego universitario de deportes colectivos, un certame que recala por cuarta vez na capital luguesa, constitúe, segundo subliñou o reitor da USC, unha oportunidade excepcional para que deportistas de elite compitan e compartan experiencias con outros deportistas afeccionados. Trátase tamén dun certame a través do que a USC fai visible a súa decidida aposta polo deporte, engadiu Antonio López.
Agradecido pola colaboración institucional recibida, sen a que a resultaría imposible a celebración deste torneo deportivo, Antonio López aproveitou a presencia na sesión de directivos das diferentes federacións deportivas, así como de numerosos clubs e entidades deportivas de diversas disciplinas, para facer pública a súa gratitude pola boa acollida que están a ter os clubs da provincia de Lugo e de toda Galicia, nun plano máis amplo, respecto da aposta pola deporte que está a facer a USC. Gran parte deste éxito é froito do labor que está a realizar Javier Rico, logo do seu nomeamento como delegado da USC para o deporte, precisou López, quen tamén se referiu ao apoio recibido da Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo, así como doutras empresas como Coca Cola e Grupo Leite Río, como unha axuda imprescindible para a celebración dos XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos na sede universitaria luguesa.
Impacto e proxección
Os XXV Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos terán un impacto directo na vida da capital luguesa durante os días 7 e 8 de marzo, e servirán tamén para que a mocidade procedente doutras provincias e doutras universidades galegas coñeza os servizos e as potencialidades do Campus de Lugo e da cidade, dixo Antonio López, para, de seguido, engadir que desta cita sairán os equipos e deportistas e representen Galicia na próxima edición dos campionatos nacionais.
A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, abundou tamén o importante cometido de proxección social que ten a celebración deste evento deportivo na cidade amurallada, xa que permitirá proxectar Lugo entre a mocidade galega e de fóra de Galicia, dixo. Alén desta consideración, Méndez fixo fincapé na conveniencia deste tipo de torneos para o público máis cativo teña referentes próximos na parcela deportiva, unha realidade que en Lugo temos ben cuberta coa presenza de clubs, equipos e deportistas de moi distintas disciplinas que compiten ao máis alto nivel.
A importancia da transmisión á vida real dos valores asociados ao deporte, as experiencias e convivencia e incluso a aprendizaxe da xestión das emocións foron outras das cuestións destacadas polo xefe territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, o deputado provincial delegado da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo e o vicepresidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas, nas súas respectivas intervencións.
Competición
As competicións das distintas disciplinas deportivas comezarán o día 7 de marzo, a partir das 10.00 horas, en diversas instalacións deportivas da capital luguesa, como son o Pazo Provincial, o pavillón do Seminario, a Casa do Deporte, o polideportivo do Palomar e o pavillón municipal, as pistas polideportivas Gregorio Pérez Rivera ou os campos de fútbol municipais de As Gándaras. A competición rexerase polo formato dunha liga entre os tres equipos que representan cada unha das tres universidades galegas. Ao remate de cada xornada de competición, o auditorio de Veterinaria acollerá os días 7 e 8, a partir das 16.00 horas, a entrega de medallas e trofeos aos participantes.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.