
A universidade olívica participa neste programa a través do Post-Growth Innovation Lab e do centro de investigación Ecobas, sendo o investigador Mario Pansera un dos seus coordinadores, xunto con Remedios Copa, vicepresidenta da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo e membro da directiva do Ateneo Atlántico de Vigo. Como explica Pansera, o obxectivo desta programación, que se desenvolverá durante os tres primeiros martes do mes de marzo, é facilitar coñecementos fundamentais para entender os cambios aos que nos enfrontamos na situación de crise actual na que conflúen o quentamento global e os fenómenos climáticos, o esgotamento de enerxías fósiles e outros recursos limitados do planeta, agravado todo isto pola guerra de Ucraína.
Os debates celebraranse no salón de actos da Facultade de Comercio, en Torrecedeira, os martes 7, 14 e 21 de marzo a partir das 19.00 horas.
Primeira xornada: que é o decrecemento
A primeira xornada do ciclo, vindeiro martes 7, centrarase en explicar que é o decrecemento e por que é necesario. Para iso Begoña de Bernardo Miño, enxeñeira agrónoma e presidenta de Véspera de Nadal; Remedios Copa Sánchez, vicepresidenta da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo e Xoán Doldán, profesor de Economía Aplicada na USC e membro da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo, falarán sobre a necesidade crear un imaxinario novo e posibilista e analizarán, dende punto de vista teórico, que é o decrecemento, facendo fincapé nos motivos polos que este enfoque é necesario para facer fronte á crise enerxética e ao quentamento global.
Segunda xornada: as limitacións das enerxías alternativas
O segundo martes de marzo, o día 14, o debate centrase nas limitacións das enerxías alternativas e en como estas, xunto co esgotamento de determinados elementos e materias primas no planeta, condicionarán o futuro industrial. Nesta sesión participarán Xavier Simón Fernández, profesor do Departamento de Economía Aplica e investigador principal do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, GIEEAH, da Universidade de Vigo e director do Observatorio Eólico de Galicia; Rosa María Regueiro Ferreira, profesora de Economía Aplicada da USC e investigadora especialista en economía das enerxías renovables e Mario Pansera, investigador e director do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo. O debate será presentado e dinamizado por David Esperón Fontán, psicólogo e membro da directiva da Rede para o Decrecemento Eo-Navia, Galiza, O Bierzo e de REAS Galicia.
Xornada de peche: as vantaxes e inconvenientes da economía circular
A derradeira sesión do ciclo, o día 21, centrarase nas vantaxes e inconvenientes da economía circular e da economía entrópica e nas súas limitacións. Neste debate intervirán Miguel Rodríguez Méndez, profesor do Departamento de Economía Aplicada de UVigo e investigador do Governance And Economics Research Network, GEN, xunto con Brais Suárez Eiroa e Mario Pansera, investigador e director, respectivamente, do Post-Growth Innovation Lab da UVigo. O encargado de moderar o debate será Miguel Anxo Abraira, presidente da Rede para o Decrecemento Navia-Eo, Galiza, O Bierzo.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.