Notas de prensa

Máis dun cento de centros educativos celebran o Día Mundial da Radio 2023 con PNO!

'É un ano moi especial e sentímonos moi alegres porque estamos celebrando ese recoñecemento da UNESCO como modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial. Un recoñecemento ao traballo de moitos centros educativos, docentes, e tamén familias que ao longo destes xa vinte e oito anos foron tecendo unha rede de complicidade arredor do patrimonio común galego-portugués', subliñou Santiago Veloso, coordinador da asociación.

Máis dun cento de centros educativos participaron e dinamizaron este #DíadaRadio diante dos micrófonos cos seus programas, e cerca de 2000 estudantes de institutos e centros universitarios de toda a Eurorrexión-Galicia norte de Portugal celebraron xuntos o Día Mundial da Radio.

Así, este luns 13 de febreiro, desde diferentes radios e centros de ensino de toda Galicia e norte de Portugal, realizáronse máis de 15 horas de radio en directo. A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o Edificio Miralles do Campus da Universidade de Vigo e a Rádio Universitaria do Minho de Braga foron centros emisores a onde asistiron moitos centros educativos a realizar programas.

Tamén o fixeron outros centros asistindo a radios locais como a Rádio Afifense de Caminha, a Radio Municipal de Tui, Radio Estrada, Radio Fene, Radio Burela e Radio As Nogais. E desde os centros educativos que contan con radio escolar tamén se fixeron programas de radio en directo.

O portal ESCOLAS NAS ONDAS recolleu as emisións de todos os puntos por streaming (www.escolasnasondas.com) e tamén ofreceu ducias de pezas radiofónicas elaboradas por moitas escolas galegas e portuguesas nas súas aulas e radios escolares durante os días previos a este efeméride. Toda esta actividade radiofónica escolar pode escoitarse de novo no propio portal escolar da asociación.

Un modelo de boas prácticas a difundir nas aulas galegas

A representación institucional neste #DíadaRadio con PNO! estivo no evento de Santiago de Compostela, onde Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, recordou o alto número de centros educativos que xa contan coa súa radio escolar, e o interese das actividades que realizan, valorando a transversalidade que favorece a radio como ferramenta para que o alumnado poña en xogo habilidades e coñecementos adquiridos nas aulas.

En resposta ás preguntas do alumnado, o conselleiro amosouse favorable á implantación do modelo Ponte...nas Ondas! nas aulas galegas e destacou que este modelo “posibilita abordar as competencias educativas dun xeito diferente, integrador e motivador”. “Foi unha experiencia emocionante asistir ao recoñecemento mundial a unha práctica educativa tan tremendamente significativa”, recordou o conselleiro ao respecto do momento da beizón da UNESCO a PNO! o pasado mes de decembro,

Pola súa banda, ao fío do recoñecemento do modelo PNO! Por parte da UNESCO, afirmou Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, que “podemos estar moi orgullosos de que esta iniciativa teña acadado este recoñecemento e de que conseguise esta relación entre Galicia e Portugal”. Lembrou de paso o reitor ao respecto deste Día da Radio que na súa infancia na Mariña luguesa non tivo televisión na casa ata os dez anos, “e o que escoitabamos era a radio, e lembro con enorme alegría o día no que me regalaron un transistor, o que permitía escoitala fóra da cociña”.

“A radio danos a oportunidade de manter o enorme patrimonio da nosa lingua falada, que é a forma máis viva na que se mantén unha lingua”, salientou pola súa parte Xosé Antonio Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela. E tamén participou no evento Alba Silva, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación, quen salientou que “ter os estudos cheos de xente nova, tráenos creatividade, novas ideas e nós tamén sempre aprendemos”. “A radio é un recurso educativo extraordinario para os centros escolares e o currículo sempre debe incorporar partes que teñan que ver cos medios de comunicación e especialmente coa radio, que fomenta a creatividade e a innovación e esperta a imaxinación”, afirmou a vicedecana.

Vinte e oito anos de traballo en prol do patrimonio

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.

En decembro de 2022 Ponte...nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.

Ponte… nas Ondas!, 2023-02-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES