Notas de prensa

O VI Simposio Internacional de Ensino das Ciencias celebrarase do 13 ao 16 de xuño

Do 13 a 16 de xuño terá lugar unha nova edición, a sexta, do Simposio Internacional de Ensino das Ciencias. Este evento en liña celébrase cada dous anos como un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre todas aquelas persoas interesadas no ensino das ciencias en calquera ámbito educativo.

Educación Editora é a entidade organizadora do evento, estando o seu comité organizador formado polo profesorado da Universidade de Vigo Pedro Membiela e Mercedes Suárez (Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense) e Benito Vázquez (Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo). Forman parte do comité científico deste simposio máis dunha trintena de especialistas de universidades de España, Portugal, Francia, Alemaña, Italia, Chile, Venezuela, Arxentina, México e Brasil. Co prazo de inscrición aínda aberto pero tendo en conta a participación en anteriores edicións, a organización do simposio agarda que asistan a el arredor de 200 persoas, principalmente vinculadas á investigación no eido das ciencias, como profesorado universitario, investigadoras e investigadores e alumnado de doutoramento interesado nas liñas de traballo que se abordarán na cita. “O simposio está aberto á inscrición de todas aquelas persoas interesadas no ensino das ciencias”, indican as e os seus promotores.

Novos e vellos retos

O VI Simposio Internacional de Ensino das Ciencias, sinalan desde a súa organización, celébrase tendo en conta que cada ano “hai novos retos” no seu eido de traballo “e faise necesario revisar as nosas perspectivas no que é a calidade e mellora do ensino das ciencias”. É moi importante, engaden as e os responsables da cita, “difundir as experiencias investigadoras e/ou innovadoras e o intercambio de experiencias” pois, comentan, “axuda a mellorar a práctica do ensino das ciencias”.

“Este simposio sempre foi on line, á marxe da pandemia, pois pensamos que o presencial e o virtual son dúas orientacións complementarias, cada unha ten as súas vantaxes e inconvintes, ofrecen posibilidades diferentes”, explica Pedro Membiela. Así, por exemplo, subliña como o formato virtual permite neste tipo de accións contar con relatoras e relatores e asistentes que en caso de ser presencial non sería posible, polas dificultades de dispoñibilidade e custes que supón superar a distancia xeográfica.

Seguindo a liña de traballo de anos anteriores, a programación desenvolverase en catro tardes consecutivas, contando cada sesión cunha parte de foro, outra de mesa redonda e outra de presentación de comunicacións orais, co obxectivo de fomentar a participación e o diálogo. Sobre os contidos que se abordarán, Pedro Membiela destaca que “seguimos un criterio amplo, non restritivo, abranguendo a diversidade deste ámbito de investigación arredor do ensino das ciencias”. Porén, apunta, en cada edición sempre hai algunha temática de actualidade, como pode ser a nova orientación do sistema educativo cara o fomento das disciplinas STEM ou o impulso do ensino virtual. “Os tempos traen novidades e por exemplo a pandemia ten incidido bastante no sistema educativo, e polo tanto no ensino das ciencias”, comenta o profesor de Educación e Traballo Social.

Pedro Membiela adiante que dous serán “os grandes temas” das sesións do simposio, o primeiro o presente e futuro da investigación no ensino das ciencias e o segundo o presente e o futuro de ser profesor ou profesora de ciencias. Dúas das tarden achegaranse a estes ámbitos tendo como idioma principal o inglés e outras dúas o castelán e portugués, atendendo ao carácter internacional, aínda que predominantemente destinado á cultura hispano e luso falante, do simposio. Ao longo das sesións, engaden desde a súa organización, tamén se reflexionará sobre a propia investigación arredor do ensino das ciencias, das súas condicións e dificultades actuais. “Os retos do ensino das ciencias e da investigación nel son en xeral os mesmos que afronta o ensino no seu conxunto”, apunta Pedro Membiela. Tras o impacto da covid-19, sinala, “de algunha maneira precisamos resituármonos nun escenario sen pandemia ou cunha pandemia controlada no que as condicións para ensinar e para aprender volven a certa normalidade pero nas que o pasou deixou marca”. Hai moitas cousas que eran importantes antes da pandemia, afirma, e que o seguen sendo, e hai outras novas que entran no seu escenario.

Universidade de Vigo, 2022-05-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES