Notas de prensa

Vigo, primeira universidade galega en probar as vantaxes da tecnoloxía 5G para lograr un 'smart campus'

Vigo converteuse na primeira universidade galega en probar as vantaxes da tecnoloxía 5G en ámbitos como a seguridade ou a xestión da mobilidade. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de investigación atlanTTic viviron unha experiencia en torno a estas novas tecnoloxías co obxectivo de probar os beneficios deste novo estándar para desenvolver solucións de seguridade e Smart Campus, grazas á súa aplicación á medición do tráfico de transeúntes e vehículos.

Estas probas, das que se encargaron Optare Solutions, atlanTTic, Orange e Ericsson para a Univesidade de Vigo, leváronse a cabo dentro do Plan Nacional 5G financiado por Red.es e no que tamén participa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Neste caso foron os investigadores de atlanTTic Rubén Pérez Vaz, Alberto Estévez Caldas, Brais Blanco Carballeira, José Manuel Rúa Estévez e José Antonio Álvarez, dirixidos polos profesores Felipe Gil Castiñeira e Francisco Javier González Castaño, do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), os encargados de pór en práctica as dúas probas e amosar así a resposta inmediata da tecnoloxía empregada.

Resposta rápida e útil ante a detección de eventos inesperados

A dificultade do escenario radicaba na utilización da tecnoloxía edge computing, que achega o cómputo na nube ao lugar onde se usan os seus resultados, para que sexa capaz de dar unha resposta rápida e útil en escenarios imprevistos. Segundo explicou Rubén Pérez, responsable técnico do proxecto, “as probas consistiron en utilizar unha antena 5G de Orange, colocada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e conseguir a través dela que un vehículo accedese a unha zona valada só coa lectura da súa matrícula e, en remoto, obter autorización para acceder á mesma”. No caso da segunda proba posta en marcha esta mañá no campus vigués, “o que se intentaba era que, a través dunha cámara unha persoa puidese recibir autorización para entrar nunha zona limitada. No caso dun acceso non autorizado activaríase, en remoto tamén, unha alarma e poríase en marcha un drone capaz de seguir os pasos desa persoa mediante una aplicación autónoma remota sobre 5G”, indicou Pérez.

O investigador explicou que as probas efectuadas no campus vigués amosan que o 5G ten unha gran capacidade para dar unha resposta inmediata en remoto. Para a realización destas probas fíxose uso de drones autónomos, que permiten realizar vixilancia e recoñecemento e, grazas á rede 5G de Orange e as solucións Edge Computing de Optare Solutions, enviar e procesar rapidamente a información recibida das súas cámaras para así poder tomar decisións áxiles ante a detección de eventos inesperados.

Demostracións prácticas das últimas novidades tecnolóxicas

A presentación de resultados deste proxecto piloto 5G reuniu na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación a unha destacada representación dos socios participantes. Por parte da Universidade de Vigo contouse coa presenza do vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz; o director de atlanTTic, Martín Llamas, e o profesor e investigador Felipe Gil. “Afortunadamente este tivo de eventos son xa case un clásico neste centro”, explicou o vicerreitor, facendo fincapé en que na EET son xa cada vez máis habituais este tipo de demostracións sobre novas tecnoloxía, “un excelente xeito de abrir unha ventá coa que traer as tecnoloxías do futuro ao presente e ver o que nos próximos anos pode estar na rúa”. Ao marxe das cuestións de investigación, a directora da escola quixo tamén destacar a grande oportunidade que supón para o alumnado do centro ver a potencialidade de todas estas novidades tecnolóxicas. A isto Martín Llamas engadiu a importancia da colaboración empresa-universidade, “sobre todo no caso de firmas tan destacadas como as que hoxe temos aquí”.

En representación de Optare Solutions contouse coa participación do seu director xeral, Luis Alves, e do seu responsable de Innovación, Xosé Ramón Pousa, aos que tamén se engadiron Óscar Aragón, Jesús Costoya e Amelia Sánchez, en representación da empresa Orange. “Para nós este é un ano moi especial, xa que cumprimos o noso 20 aniversario, e o obxectivo segue a ser o mesmo que cando saímos ao mercado, é dicir, axudarlle ás empresas deste país a innovar e a mellorar as súas comunicacións”, explicou o director xeral de Optare, moi satisfeito dos resultados acadados neste proxecto.

Universidade de Vigo, 2022-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES