Notas de prensa

A mobilidade do futuro será 'conectada, autónoma, eléctrica e compartida'

A mobilidade do futuro será 'conectada, autónoma, eléctrica e compartida', e tamén extendida (a conexión entre os sectores da automoción, TIC, aeroespacial e hiperlonxevidade será cada vez maior). Así se expuxo no peche do proxecto europeo MoBAE, no que representantes do mundo da ciencia, a empresa e as institucións puxeron en común os retos e oportunidades que marcarán a nova mobilidade.

Coordinado pola Universidade de Vigo e integrado por investigadoras e investigadores da UVigo -Escola Universitaria de Estudos Empresariais-, a Universidade do Minho, o CSIC, o Igape e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), o acto de peche do proxecto levouse a cabo na sede Afundación de Vigo e contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio; o investigador principal, Pablo Cabanelas, e numerosos representantes das empresas vinculadas ao proxecto, tanto das iniciativas emprendedoras que xurdiron ao abeiro deste consorcio e que traballan en produtos e servizos en torno a todas estas cuestións, como directivos e executivos de empresas dos sistemas produtivos da automoción, TIC, aeronáutico e aeroespacial.

“Desde a Universidade de Vigo estamos a traballar en todas estas cuestións, tanto desde o noso centro de investigación atlanTTic, onde se avanza en todo o que é telecomunicacións, redes, internet das cousas... aspectos claves e necesarios para conectar eses vehículos do futuro; como desde Cintecx, centro de investigación especializado en tecnoloxía, enerxía e procesos industriais, no que o transporte e a enerxía son tamén pezas clave, sempre nun marco de sostenibilidade e de bo manexo”, subliñou a vicerreitora, ao que engadiu que tamén se traballa nesta liña desde a agrupación estratéxica Ecobas, que xoga un papel relevante na investigación sobre o modelo de mercado das empresas e como contribuír a mellorar esa cadea de valor. “Son temas que están en auxe en Europa e sobre os que agardamos seguir conseguindo financiamento”, recalcou a vicerreitora, ao que engadiu que, neste senso, Galicia terá moito que dicir no denominado Perte da automoción, o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación do vehículo eléctrico e conectado, dotado con case 3.000 millóns de euros.

Forte pulo ao emprendemento sobre mobilidade na Eurorrexión

O proxecto MoBAE, financiado con 1,2 millóns de euros -dos que 901.736€ corresponderon a financiación Feder-, péchase tras preto de tres anos de “intenso traballo”, tal e como explicou Pablo Cabanelas, que foi o encargado de pór en cifras os principais resultados de todo este labor: 27 iniciativas de emprendemento apoiadas a través dun selo de excelencia propio, 5 proxectos participantes nun servizo de mentorización ofrecido ás ideas emprendedoras máis prometedoras, 14 proxectos innovadores participando en xornadas específicas de investimento, máis de 100 persoas formadas en competencias emerxentes no ámbito da mobilidade avanzada, 15 empresas participantes na proba piloto servizo autodiagnóstico...

Houbo, en xeral, tres liña de actuación: capacitación sobre emprendemento, identificación de iniciativas e colaboración na aceleración de proxectos. Sobre os participantes nas sesións de formación, o coordinador destacou que houbo distintos perfís, xa que se ofreceron programas específicos atendendo ás características propias de cada tipo de público. Por unha parte, organizaron unha xornada de formación para emprendedores, na que os participantes eran na súa maioría estudantes, emprendedores, investigadores e, en menor medida, técnicos de empresa con idea de promover algunha iniciativa no seno das súas compañías. Por outra parte, levaron tamén a cabo unha xornada de formación para directivos na que o perfil das persoas asistentes era máis de responsables e técnicos de empresas do ámbito da mobilidade. “Adicionalmente, ofreceuse outra formación más especializada en aspectos considerados de interese para os emprendedores, pero só para as iniciativas participantes no proxecto, sobre fontes de financiamento, aspectos legais, estratexias de comunicación, plan de financiamento, etc. organizadas no contexto da súa participación en eventos e xornadas de investidores”, explicou Cabanelas.

Dos vehículos eléctricos ás bicicletas de bambú...

O “tronco” central do proxecto é o Selo de Excelencia MoBAE, co que distinguiron as ideas de negocio máis prometedoras dentro do sistema produtivo de mobilidade. Esta distinción permitiulles ás iniciativas que lograron este selo acceder a múltiples beneficios, entre eles, asesoramento e diferentes servizos de apoio, incluíndo un informe de avaliación, unha folla de ruta personalizada, mentorización e/ou titorización, así como acceso a programas de apoio e fontes de financiamento.

Dentro destes proxectos emprendedores destacouse UVigo MotorSport e Vi&Go, por ser iniciativas procedentes de estudantes da propia UVigo. Ademais, no Selo MoBAE participaron algunhas iniciativas de gran proxección, como é o caso de Velca (motos eléctricas), Solum (cunha estación de recarga para patinetes eléctricos) ou EVIO (con solucións para a mobilidade eléctrica), ademais doutras como Dooroti (xestión intelixente de prazas de garaxe), Bambu Bicycles (bicicletas de bambú), Ciclo AI (intelixencia artificial para mellorar a mobilidade dos ciclistas na mobilidade), Contelinera, Battery Second Life, Wavi Drive, Lightkey Mobility, Minacro, Incidence ou IPEGAP, Pavnext, Cardio Wheel ou WiiGoLigistic...

“Adicionalmente, houbo outras oito iniciativas que contaron con apoio posterior por proceder da colaboración con outros programas de apoio ao emprendemento (nomeadamente o High Tech Auto), como é o caso de VanCuvic, Trucks MMS, SETACO ou Biosharing en Galicia e Electric Life Tours ou We can Charge en Portugal.

“O futuro está por escribir e temos que participar neste relato”

“A idea do proxecto era crear un xerme embrionario que poida continuar de cara a futuro. Sensibilizar ao tecido produtivo e institucional do cambio que está a acontecer, e mirar o futuro con lentes renovadas, porque as lentes anteriores poden quedar desfasadas”, explica Cabanelas, quen adiantou que están xa a traballar en diversas iniciativas e á espera de resultados. “Agardamos que o proceso de choiva fina que estivemos a facer dende MoBAE acabe calando”, explicou o coordinador do proxecto. “O futuro está por escribir, e temos que participar neste relato para que poidamos mellorar a posición de Galicia e o Norte de Portugal na nova Cadea de Valor Global que se está a configurar en torno á mobilidade”, recalcou, algo para o que considera “fundamentais” as iniciativas de emprendemento expostas e a concienciación das empresas tradicionais.

Universidade de Vigo, 2022-03-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES