Notas de prensa

A pesca artesanal galega posúe resiliencia, 'mais cómpre consolidar transformacións sostibles'

O primeiro estudo que analiza os cambios transformadores da pesca artesanal en Galicia demostra que o sector foi capaz de manter elementos básicos chave para manter a súa resiliencia ao longo do tempo. Así o conclúen investigadores do proxecto Consolidator Grant ‘EQUALSEA-Transformative adaptation towards ocean equity’, financiado polo European Research Council, e liderado polo profesor da USC Sebastián Villasante.

O traballo científico ‘Ever Changing Times: Sustainability Transformations of Galician Small-Scale Fisheries’, publicado na revista Frontiers in Marine Science, tivo como obxectivo documentar o estado actual da arte das pesqueiras galegas a pequena escala e avaliar as innovacións e os cambios ocorridos no período 1990 e 2020, así como analizar se existiron cambios transformadores e, de non ser o caso, determinar que obstáculos e/ou barreiras se identificaron na literatura científica.

O estudio parte dos casos de estudo do marisqueo a pé e a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro de Os Miñarzos. A investigación destaca o mantemento dunha alta diversidade de especies capturadas, unha conexión institucionalizada entre as partes interesadas e as comunidades pesqueiras, alén da participación activa a través dos procesos de toma de decisións. O traballo conclúe que a pesca artesanal galega foi capaz de preservar elementos básicos que permitiron manter a resiliencia destes sistemas socio-ecolóxicos mariños grazas aos profundos cambios nos procesos sociais e ás normas da pesca artesanal galega.

Os autores do estudio sinalan que “elementos esenciais destas transformacións foron a capacidade e a habilidade dos científicos, pescadores artesanais e mariscadoras que, co apoio da administración autonómica, puideron potenciar o diálogo e a investigación colaborativa para recoñecer que a sobreexplotación dos recursos pesqueiros precisaba dunha transformación sostible”. A partir deste recoñecemento compartido producíronse dúas transformacións principais: unha baseada nos dereitos de pesca e outra na harmonización dos obxectivos de conservación e a pesca.

No caso do marisqueo a pé, o cambio transformador tivo lugar en 1993, cun novo sistema de coxestión entre cofradías e administración, asesorado por científicos, baseado nos dereitos de uso territoriais. “A nova coxestión permitiu con éxito un aumento do volume de capturas e, ao mesmo tempo, as mulleres melloraron os seus ingresos e condicións sociais debido á creación de Agrupacións de Mariscadoras, pasando dunha actividade incontrolada e marxinada, a un marisqueo profesional e racionalmente xestionado, no que deben pagar impostos para asegurar os beneficios do sistema de Seguridade Social”, continúan.

No caso da reserva mariña, o cambio transformador tivo lugar coa participación activa dos pescadores artesanais de Lira no deseño e creación da reserva. “A participación activa na creación, deseño e elaboración dos plans de xestión trouxo consigo unha maior aceptabilidade e cumprimento das normas. O cambio transformador que se produciu dende a creación da reserva non só repercutiu nas prácticas pesqueiras, senón tamén nas crenzas e valores sociais dos pescadores, científicos e representantes da administración rexional implicados no Órgano de Xestión da reserva”, sinala o equipo liderado polo profesor Villasante. “A confianza e a cooperación, elementos esenciais para gobernar con éxito os recursos de uso común, melloraron desde que os pescadores proporcionan datos e participan en diferentes programas de seguimento”, engaden os investigadores. Tamén se produciu unha notable redución dos conflitos e a desconfianza entre a administración e o sector pesqueiro, favorecendo que a maioría das decisións relativas ás actividades pesqueiras dentro da reserva se tomen por consenso”, destacan os autores.

Obstáculos presentes

Este proceso de construción colectiva tamén foi complexo e non estivo exento de tensións e accións contestatarias por parte dalgunhas confrarías e pescadores, xa que “é necesario non só confiar na reserva senón tamén aumentar o compromiso do sector pesqueiro cos obxectivos de sustentabilidade”, sinalan. De feito, na actualidade existen, a xuízo dos investigadores, obstáculos que poñen en risco a consolidación da fase de estabilización, concretamente a redución do orzamento público para cubrir os custos de vixilancia asignados pola administración autonómica e a falta de apoio dalgunhas confrarías que pescan na reserva. Isto, explican, está a provocar un aumento da pesca furtiva, das actividades de pesca ilegais dentro e fóra da reserva e unha menor eficacia da mesma.

Os autores demostran que “é esencial comprender mellor cando e quen pode desencadear, apoiar e implementar intencionadamente as transformacións cara á sustentabilidade, incluíndo a visión do coñecemento tradicional dos pescadores, para fomentar os cambios desexables”. O profesor Villasante tamén destaca a importancia de “evitar a prescrición de solucións únicas para as diferentes condicións socioecolóxicas das contornas locais presentes nas nosas costas”.

Mellorar a xestión

Centrándose na equidade dos océanos, o proxecto EQUALSEA, pretende lanzar luz sobre como certos factores de tensións, como o cambio climático ou a perda de biodiversidade, afectan as áreas mariñas protexidas e ás comunidades costeiras, e como isto repercute no benestar da sociedade.

Segundo os autores, estas transformacións sostibles aínda non poden considerarse un éxito consolidación, xa que aínda existe un limitado número de estudos sobre a pesca artesanal galega e unha elevada incerteza en relación ao coñecemento e ao estado social-ecolóxico das SSF galegas. De aí que a pregunta chave agora é: son estas transformacións o suficientemente rápidas como para facer fronte aos factores socioecolóxicos e ás crises que enfronta o sector? Aínda que estas transformacións melloraron notablemente a sustentabilidade da pesca artesanal galega, é necesario seguir esforzándose e consolidando estes procesos transformadores.

Dada a relevancia da pesca artesanal galega no contexto europeo e mundial, os autores resaltan que esta análise de como se desenvolveron estas transformacións proporciona leccións sobre como se podería seguir desenvolvendo a pesca artesanal e identifica posibles vías para mellorar a súa xestión.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES